Dúbidas do galego

Arquivo para a etiqueta “ás”

O, ao, ó

Circula por Ourense un conto sobre un matrimonio zamorano que logo de tomar os baños en Outariz foi buscar que xantar á ringleira de casas de comidas que sobrevive na rúa do Progreso. Nun dos encerados nos que os hostaleiros pintan o menú do día, a parella leu “Carne o Caldeiro 6,50 €”. Entraron, sentaron nunha mesa e cando o camareiro veu tomarlles a encarga, preguntaron: “¿La carne de qué es?”. “De becerro”, respondeu o camareiro. “Y caldeiro, ¿qué lleva el caldeiro?”. “No entiendo”. “A ver, no es a elegir la carne o el caldeiro”. “No, no, la carne se cuece en un caldero. Por eso se llama carne o caldeiro”. “Ves, ves, tú lo has dicho: o carne o caldeiro, hay que elegir uno”.

O conto acaba aí e non sabemos se os zamoranos acabaron xantando, o camareiro soubo explicarse ou sequera se esta historia non é o invento dalgún profesor de Lingua para que os seus alumnos aprendan a diferenciar o de ao ou ó. En calquera caso, eu vouna usar xustamente para iso mesmo.

Nesas casas de comidas do Progreso en efecto aparece a cada canto “Carne o caldeiro”. Tamén en moitas mensaxes de whatsapp, conversas de facebook e outras intervencións informais en galego a contracción da preposición a máis o artigo masculino aparece confuso.

En galego, debemos contraer en efecto esa preposición e os artigos. No caso feminino, as palabras resultantes son á e ás. No masculino, a normativa dános dúas opcións: a denominada solución fonética: ó e ós ou a solución reintegracionista: ao e aos.

En ambos os casos, a pronuncia é igual: un o aberto e longo. Insisto sempre en que no galego non existe unha correlación exacta entre escrita e pronuncia. Hai varios casos: Para lese pra cando é preposición; verea lese vrea; verán lese vran; sacar a lingua lese saca-la lingua; todos os lese tódolos… Tamén podemos pronunciar cos trazos propios da nosa zona: converter o gato en ghato; a cea en sea; tamén a piscina en pircina e o cantei en cantén se queremos remarcar a pertenza a un lugar ou cando estamos nun rexistro popular xustamente nesas zonas onde hai diferenzas de pronuncia a respecto da forma estándar.

Advertisements

Navegación de artigos