Bochornoso
Aínda que non o pareza, estamos no outono. E en innumerables conversas de ascensor fálase de que vai un bochorno que non é san. Pero hoxe falamos doutro bochorno, o de comprobar a pobreza léxica da meirande parte dos políticos. A necesidade de estar cada día nos medios converte os membros dos partidos en candidatos a equivocarse, sobre todo polo abuso de determinados clixés. Un adxectivo moi empregado por cargos públicos é bochornoso. En galego non existe. Si se pode empregar, como dixemos, bochorno para definir a calor abafante ou unha situación que de tanta vergoña, quenta. Ora ben, no adxectivo hai que substituílo por abafante ou sufocante cando a temperatura aperta e por vergonzoso ou vergoñento ao falarmos de algo que arrubia as meixelas.