Dúbidas do galego

Arquivo para a etiqueta “brisca”

Darlle ao naipe

Os xogos, calquera xogo, ten a súa linguaxe particular, un campo semántico rico e especializado que serve para entender un universo lúdico con moitísimo valor. Este universo lingüístico pode acabar por desaparecer ou mudar se cambia o contexto dun determinado xogo. Eu, nacido no 1977, aínda xoguei de cativo ao trompo (ou buxaina) e ás bólas. Non era moi bo mais aínda conseguín gañar algúns ollos de gato e recordo nidiamente algunhas xogadas mestras en guás efémeros do Torreón de Cequeliños ou do parque ao lado da miña casa de Torneiros, O Porriño. Non sei se hoxe as crianzas aínda xogan na rúa a estas cousas. E se o fan, quizais usen outros termos ca os nosos.

Mais hoxe non falarei destes xogos porque hai tanto da miña infancia que apenas recordo o vocabulario. Falarei do vocabulario dalgúns xogos de cartas ou naipes, outro vicio da infancia que sigo practicando, con ausencias, até o día de hoxe.

Na miña casa fomos moito de brisca. Recordo as matanzas dos porcos que sempre se coroaban con até tres partidas de brisca a un tempo. Unha mesa de cativos, outra de aspirantes a astros e na mesa principal, a partida do século: seis contendentes agrupados en dous equipos cun nivel de motivación sempre no límite entre a blasfemia e o orgullo kamikaze. O meirande premio nin sequera era a vitoria senón os pequenos detalles: dous, principalmente. Evitar a todo risco ir á estación. En Arbo é como se define o resultado no que un equipo ten todos os puntos e o outro ningún despois do número de partidas pactado para cada xogo (por alá é común xogar tantas partidas como persoas xogan, polo que o peor é perder por 6-0). O outro tabú é a famosa chiada. Unha chiada é o oneroso momento no que un tres do trunfo é pisado, humillado, vencido e deshonrado todo a un tempo, polo invencible as do mesmo pau. “Chiada, chiada, chiada!!!!”, berra o equipo que consegue esa substanciosa baza.

Meu avó Baltasar sempre levou o xogo (esa é a forma de chamarlle ao que dirixe: non é nin xefe nin capitán, é o que leva o xogo) e case nunca encontraba rival á súa altura. Quizais meu tío Lourenzo, que é bastante espelido e daquela memorizaba todas as cartas que ían saíndo. Nesa técnica é insuperable a miña muller, a Eva, pero esa é outra historia. A historia do tute.

E é que a miña familia por parte de esposa é máis de tute, o raso e o cabrón. Alá na Limia non van á estación senón a Allariz. A orde hai días que é literal xa que ten habido tardes de perder por tunda e en efecto coller o coche cara á nosa casa na vila do Arnoia.

Tute e brisca son xogos diferentes que requiren de distintas habelencias pero que comparten gran parte do vocabulario. O pau que marca o xogo é o trunfo (non triunfo). Trúnfase (non se triunfa) e as bazas van trunfadas cando sobre a mesa xa hai unha carta do pau que goberna sobre as outras. As cartas de figuras humanas (rei, cabalo e sota) puntúan con tantos. Cando alguén reclama na mesa todos os tantos está a pedir que se sumen a unha xogada gañadora algúns destes naipes, cun valor baixo pero superior á palla, é dicir, todas as cartas numéricas do 2 ao 7. Chámanse briscas os ases e treses dos paus que non son trunfo e bufos ou bufiños aqueles trunfos baixos, que non puntúan pero que poden gañar as bazas.

Logo existen vocábulos específicos para determinados lances do xogo. Xa falamos da chiada na brisca. No tute o equivalente serían os cantes. Corenta se se xuntan na man o rei e mais o cabalo do pau que trunfa e vinte se esa parella reinante corresponde a outro dos tres paus. No tute, a norma esixe que en determinados momentos os xogadores asistan o pau. Na brisca convén ás veces non apegarse, é dicir, evitar gañar a última baza para conseguir o derradeiro trunfo do montón.

Cando algún xogador ten dúbidas sobre a limpeza da partida, pode botar abaixo o xogo. Faise cun aceno teatral de pousar os naipes boca arriba sobre a mesa. É aínda máis dramático se o denunciante amosa que de man levaba algún trunfo. Na brisca o xogo adquire aínda meirande complexidade narrativa porque é posible dar as señas. Os compañeiros do equipo deben sinalarlle ao que leva o xogo que cartas de interese levan na man mediante un código de diferentes acenos da cara. É función do equipo contrario interceptar estas mensaxes e deseñar a súa estratexia tendo en conta esa información.

Na túa terra, como se di iso de mandar á estación ou a Allariz? Tes outro vocabulario para lances e figuras dos xogos de naipes? Comenta. Os teus comentarios enriquecen o blog.

Navegación de artigos