Dúbidas do galego

Just another WordPress.com site

Arquivo para a etiqueta “cadáver”

Morgue

A palabra francesa morgue define un depósito de cadáveres, especificamente aquel de uso forense onde repousan os corpos sen vida á espera dunha autopsia ou dun enterramento. Este termo considérase incorrecto en galego, que recomenda empregar no seu lugar o cultismo necroterio ou a locución depósito de cadáveres.

Morgue é unha palabra popularizada pola narrativa policial. Nas novelas, nas series de televisión e no cinema deste xénero sempre hai referencias a ese inhóspito e silencioso lugar. A palabra procede dun verbo do francés antigo, morguer, que significaba afrontar a perda da morte. Ese espazo adquire así unha función máis alá das pesquisas policiais sobre mortes violentas, é a habitación símbolo da perda, o lugar de despedida para os mortos.

Como digo moitas veces, hai determinadas palabras que mal se poden substituír nunha lingua. Considero que morgue é unha delas. Na miña opinión, debería admitirse no galego como neoloxismo. En portugués é palabra máis usada ca en castelán, onde a norma admite o galicismo pero recomenda a forma depósito de cadáveres.

Advertisements

Navegación de artigos