Dúbidas do galego

Arquivo para a etiqueta “cameón”

Cameón, cambear

Xa temos falado varias veces de que en galego unha cousa é a pronuncia e outra a escrita. Se temos unha lingua ben rica en canto a léxico, non somos máis pobres no relativo a variantes faladas desas palabras.
A lingua estándar ten a obriga de fixar un “mínimo común” que permita a homoxeneidade entre falantes dos catro recantos de Galicia e por iso é lóxico que sexa restritiva cos dialectalismos e os populismos fonéticos. Pero o galego non remata neses marcos, medra vizoso na boca da xente e de cando en vez é bo reivindicar a diversidade oral.
É por iso que –contra o que marca o VOLGA– ás veces é necesario poñer por escrito as formas que escoitamos na casa. Este é o caso de cameón e cambear, por exemplo. Os falantes de galego seica nos resistimos aos ditongos crecentes (neste caso -io e -ia) e substituímolos por hiatos. É o mesmo caso de rabear. O correcto é escribir camión, cambiar e rabiar pero non é malo recordar que a fala tamén encontrou outro xeito de dicir as cousas. Lembremos que na fala, polo menos, a longo prazo, é o pobo quen máis ordena.

Navegación de artigos