Canle da Mancha
Este artigo resolve unha dúbida dupla: canle ou canal? Mancha ou Manga?
A principal diferenza entre canle e canal está no xénero. Unha canle é a mesma cousa ca unha canal (ou unha cal): conduto artificial destinado á condución da auga. Mais unha canal e un canal non son a mesma cousa. Cando empreguemos a palabra con xénero masculino referímonos a un estreito de mar, vía de comunicación acuática ou paso artificial entre dous mares. Así que debemos falar do canal de Suez, de Panamá… E da Mancha?
O castelán e o portugués adaptaron a palabra francesa Manche e de aí xurdiu a familiar Mancha, palabra vella tanto na fala común coma na toponimia (algo moi importante para asegurar o éxito de determinadas solucións). En galego admítese tamén Mancha pero varios lingüistas optan mellor por falarmos de Canal da Manga. En ‘A Nosa Terra’ o gran valedor desta forma era o mestre Gustavo Luca, que explicaba a escolla con argumentos irreprochables: Manche en francés significa brazo de mar estreito. Ese accidente xeográfico chámase manga no noso idioma, como metáfora dese “tubo estreito” de tea que cobre o brazo. A máis coñecida ha ser a Manga do mar Menor.
Persoalmente, a forma etimolóxica paréceme a máis atinada xa que optar pola francesa Canal da Manche pode resultar un tanto petulante. A norma admite a forma canal da Mancha.
Cando falemos das illas situadas nese estreito usaremos illas do Canal, sen necesidade de empregar da Mancha. Isto é así porque as máis famosas son de obediencia británica e en inglés este brazo de mar denomínase English Channel, que en moitas ocasións aparece co “Inglés” en elipse.