Canteirán
Din que a sociedade, en toda a súa expresión, sempre vai por diante da norma. É coma se houbese unha especie de carreira infinita entre a imaxinación humana e as leis que intentan (nin sempre o conseguen) ordenar esa imaxinación.
Algo así ocorre tamén coa lingua, que, nunca debemos esquecelo, é un vehículo para comunicar e expresar, suxeito a razóns de economía e eficiencia. Un exemplo deste comportamento é a palabra canteirán-canteirá, neoloxismo non admitido pola Real Academia Galega que vén definir o deportista que milita nalgún equipo das categorías inferiores (denominadas vulgarmente como canteira) dalgún club. “O canteirán céltico Dani Abalo prometía moito máis do que logo deu na súa madurez”.
Esta palabra non se admite no galego estándar por considerarse calco do castelán canterano. De feito, en galego sería impropio usar canteira como escola deportiva, cuxo uso tamén se considera castelanismo.
Mais o caso é que a palabra canteirán úsase dabondo nos escasos medios en galego. Por que, a pesar de que, por exemplo, tanto a Radio Galega coma a TVG contan cun equipo de filólogos que están para velar pola calidade do idioma? Pola sinxela razón de que canteirán é unha palabra eficiente, que economiza a comunicación e polo tanto, triunfa. A prensa deportiva precisa dun gran cadal de vocabulario, especialmente a televisiva. Durante unha retransmisión ou para a redacción dunha crónica, o equipo de xornalistas e comentaristas pasan unha chea de minutos (ou unha chea de parágrafos) falando deseguido sobre o mesmo tema: dous individuos ou dous equipos enfrontándose por mostraren mellor habelencia e técnica sobre un balón, unha bóla, pelota ou algún elemento semellante; grupos de persoas competindo entre si por chegaren antes a algún lugar a pé ou a bordo dalgún vehículo… En definitiva, nunha situación de gran necesidade expresiva nun campo semántico moi limitado. A necesidade de conciliar o bo estilo, a eufonía e a atención dos espectadores obriga a inventar e reiventar a linguaxe.
O castelanismo canterano define de marabilla unha figura chave nalgúns deportes, especialmente o fútbol. Antes de que se impuxese o mercado de fichaxes, especialmente o de futbolistas estranxeiros, definir un futbolista como canterano non era tan importante mais logo esa marca tiña un valor significante moi necesario. As perífrases para referirse a un xogador “da casa” ou “criado nas categorías inferiores” son ben menos expresivas que as palabras canteira e canteirán, polo que a norma debería incluír ambas como estranxeirismos necesarios. En canto ao seu significado, estaría ben dilucidar cando un deportista pertence ou non a unha determinada canteira. Case sempre se considera nos medios de comunicación que para formar parte dunha canteira, un xogador debe pertencer ao mesmo equipo entre os 14 e os 16 anos; mais outras veces a prensa deportiva utiliza a palabra canteirán como sinónimo de xogador que habitualmente pertence ao equipo filial mais que é convocado para un determinado encontro co primeiro equipo. Esta segunda opción parece menos propia. Un futbolista criado nas escolas deportivas do Almería, por exemplo, que fiche polo Celta B con 22 anos e xogue, por ventura, un partido de Copa co Celta nunca debería definirse como canteirán.