Dúbidas do galego

Arquivo para a etiqueta “castelán-galego”

O dicionario castelán-galego de Rinoceronte

É xa un tópico dicir que Galicia é un país pequeno, atrasado nalgunhas cousas e cunha política cultural deficiente. É certo e sobran argumentos para demostralo.

Mais tamén Galicia ten unha gran capacidade para desenvolver proxectos, pequenos, imaxinativos, diversos, nacidos da iniciativa particular ou da empresa privada, que suplen esas carencias que non queren cubrir as institucións públicas que, en teoría, deberían levalas a cabo.

De aí que sexa unha gran noticia a publicación do dicionario castelán-galego en liña que desenvolveu o grupo editorial Rinoceronte.

Nas poucas semanas que leva operativo, eu mesmo, que me dedico ao xornalismo e á edición, utiliceino, polo pouco, un cento de veces. Quixen aproveitar esta necesidade profesional para probar a ferramenta, espremela, ver até onde dá. E logo vírvolo contar aquí, xa que coido que a aparición deste dicionario é, sen lugar a dúbidas, un dos grandes avances do último lustro para as persoas interesadas en resolveren as súas dúbidas a respecto da lingua galega e mellorar a súa expresión.

O dicionario é moi completo. Apenas me encontrei con termos que non recolla e as súas definicións son de gran calidade. Tendo en conta que o dicionario aínda está nas primeiras semanas de vida, é de supoñer que no futuro terá maior riqueza, o que augura un nivel de precisión e de recursos notable.

Rinoceronte é unha editorial centrada, principalmente, na tradución ao galego. O seu director, Moisés Barcia, ten dito que o dicionario naceu da necesidade que o persoal tradutor tiña de acceder ás formas correctas en galego, especialmente daqueles conceptos que están máis estendidos (case interiorizados) en castelán. Polo tanto, a xenerosidade do grupo editorial é dobre: á parte de permitir a consulta gratuíta, pública e universal do valor engadido durante estes anos, desenvolveu unha ferramenta actual, fácil de usar, robusta e rápida mercé aos seus propios recursos, sen ningún apoio institucional ou patrocinio cultural.

Só me queda recomendarvos que o usedes. Eu mesmo descubrín grazas a el que moitos conceptos que achaba propios, en realidade son estranxeirismos. Por suposto que nalgúns casos podo estar disconforme ao prescribir determinados usos, mais iso non depende deste dicionario, que se cinxe escrupulosamente á normativa do galego e ás decisións autorizadas sobre o vocabulario do idioma galego.

Adiántovos que no futuro, moitos dos textos que vaia incorporando a este blog han ter como base de referencia ou apoio este novo dicionario.

Navegación de artigos