Dúbidas do galego

Arquivo para a etiqueta “cemento”

Hormigoneira

Obviamente, hormigonera e hormigoneira son palabras alleas ao galego. Infelizmente son moi usadas por galegofalantes. En galego, loxicamente, debemos dicir formigoneira. Tamén formigón, palabra que define a argamasa fabricada con cimento, auga e pedras. A orixe da palabra formigón parece relacionada co aspecto esmiuzado da masa no momento da fabricación. Un formigo é en Portugal un doce a base de pan relado, avelás mudas e mel. Tamén nalgunhas comarcas galegas comían o formigo, doce cuxo punto en común era o costro, ese primeiro leite que dan os animais, tamén chamado formigo.

Volvendo ao mundo da construción, a verdade é que ten un baixo nivel de normalización lingüística a pesar de seren os albaneis galegofalantes na súa meirande parte. Á construción pásalle un tanto coma á Igrexa: son os fregueses (pedreiros) os que falan o seu vocabulario pero son os curas (arquitectos) os que definen con que palabras. E as palabras da arquitectura son castelás.

A palabra ladrillo é tamén un castelanismo pero neste caso está admitida pola Academia Galega. As pequenas pezas de barro cocido destinadas á construción tiveron un especial desenvolvemento en áreas nas que era o xeito máis barato de construír e nas que non había pedra. De aí que a granítica Galicia adoptase o obxecto co nome estranxeiro tamén.

Podemos empregar para definir esta peciña rectangular a forma tixolo, que en portugués define precisamente o elemento que se usa para construír paredes fronte ao ladrilho, que se usa unicamente para o chan. Mais hai que lembrar que tixolo tamén é unha adaptación do castelán tijuelo.

Nas construcións máis modernas emprégase un tipo de ladrillo con meirandes propiedades de illamento e conservación da calor denominado termoarxila. Como indica o seu nome, estes blocos (ou bloques, ambas pódense usar) están fabricados con arxila (evitemos o castelán arcilla). O adxectivo relativo a este tipo de terra é arxiloso.

O dicionario da RAG diferencia cimento de cemento. Segundo o seu criterio, cimento é un substantivo que fai referencia ao asentamento dunha edificación. O seu sinónimo perfecto é alicerce. Cemento fai referencia á substancia de base calcárea que se usa como masa para unir diversos materiais dun xeito firme. Mais para o Estraviz (e eu comparto o seu criterio) cemento é un castelanismo e non existe ningunha razón para non usar cimento en todas as acepcións. Con ese significado, cimento aínda é unha palabra viva en moitas comarcas galegas.

Para quen queira profundar máis no vocabulario específico da construción e da arquitectura, exite unha ferramenta moi valiosa, o Dicionario Visual da Construción, editado polo Colexio de Arquitectos de Galicia e dispoñible de balde en formato dixital neste enlace.

Dun xeito moi ameno podemos ir aprendendo todos que palabras ten o noso idioma para cada oficio, ferramenta, espazo e técnica. E unha vez sabidas, mellor usalas.

Navegación de artigos