Dúbidas do galego

Arquivo para a etiqueta “chave”

Armario con chave

Remato a serie sobre o castelanismo taquilla reparando no seu uso cando significa moble vertical para gardar cousas en lugares públicos como ximnasios, colexios… ou caixa pechada con chave, especialmente usada en supermercados e lugares de traballo. En realidade, este significado é o primeiro que houbo en castelán. Unha taquilla non é máis ca unha taca pequena. E unha taca vén sendo unha lacena ou un armario pequeno.

Así que o galego ben pode usar ambas palabras para definir este significado de taquilla. “Gardei a carteira e o móbil nun armario nas piscinas” ou “Pedín a chave das lacenas do traballo”. Tanto a lacena coma o armario son palabras que poden estender o seu campo léxico.

Para evitarmos confusións, en caso de se necesitar, podemos engadir “con chave”. “Nas nosas instalacións no Ximnasio Cachirulo temos unha sala de armarios con chave”. Xa sabedes que non son moi partidario destas locucións pero até as opcións menos eficaces poden servir no contexto expresivo correcto.

E acabo cunha promesa: no próximo post non falaremos de taquillas. Iso si, pídovos resposta para encontrar un vocábulo substituto do castelán taquillazo. Que se vos ocorre?

Navegación de artigos