Dúbidas do galego

Arquivo para a etiqueta “chicotada”

O misterio do chicote

Chicote é un nome moi hostaleiro. En Vigo hai dúas pizzarías da cadea Chicote, cunhas excelentes sobremesas (a pizza tampouco é nada do outro mundo). E Alberto Chicote estase a facer famoso co seu programa televisivo ‘Pesadelo na cociña’, que emite La Sexta. Deduzo que o apelido virá da acepción que ten a palabra en castelán: persoa de curta idade, robusta e ben formada. Son comúns os apelidos orixinarios de alcumes, moitos deles relativos á idade ou ao tamaño: Nieto/Neto, Mozo, Novo, Niño/Neno, Pequeno…

Mais chicote (tamén en castelán) significa látego, por extensión dun aparello consistente nun pau que leva unha corda ou correa atada na punta coa que se vareaba nos animais. Con este significado aparece tamén no Dicionario Estraviz.

Curiosamente, no dicionario da RAG non aparece con ese significado a palabra, que define só como corda de arrastre dunha rede ou como extremo dun cabo mariñeiro. Non habería nada de raro se non fose porque si aparece o derivado chicotada: “Golpe dado co chicote”. Coido que houbo un despiste e non se incluíu na definición de chicote que o termo pode designar un látego porque me parecería estraño que só pensase na chicotada como no golpe que se dá co extremo dunha corda mariñeira.

O dicionario da Real Academia está cheo de contradicións deste estilo. É encomiable o traballo de dixitalización que posibilitou que arestora poidamos consultar en liña este tesouro da lingua pero cómpre esixirlles aos responsables técnicos e de contidos que revisen as entradas, que púan as definicións e estean atentos a posibles erros coma este.

Navegación de artigos