Dúbidas do galego

Arquivo para a etiqueta “chopo”

Álamo e alameda

Hai meses, Galicia viviu unha mini polémica lingüística a conto do eslogan electoral do BNG, que empregou frente en troques de fronte. Moita xente criticou a escolla por considerar que frente, aínda empregándose moitísimo máis ca fronte na vida diaria, é un empréstito do castelán que se debería desterrar. Esta opinión, manifestada incluso por persoas próximas ás máximas autoridades do noso idioma, bate de fociños día si e día tamén coa coherencia da norma galega, que admite ducias de castelanismos sen ningún conflito.

Un destes castelanismos aceptados é álamo e o seu derivado alameda. O álamo é o nome co que se define a árbore populus alba e outras especies. Considérase que a súa raíz é prerromana e que en galego patrimonial deu en amieiro, aínda que hoxe en día cada palabra define árbores diferentes.

Explica o especialista en onomástica Gonzalo Navaza que álamo e alameda son castelanismos chegados a Galicia hai pouco, tal e como se denota na nosa toponimia, onde esta árbore non produciu nomes de lugar até datas recentes, seguramente porque o populus alba non foi das plantas tradicionais da nosa terra.

De populus, en galego resulta chopo, palabra na que vemos a erosión do tempo no paso dese p a ch como nos casos de pluvium (chuvia) ou plorare (chorar). Con todo, é curioso que a RAG non admita choupo, forma desta árbore en portugués. Curiosamente, en castelán tamén se di chopo.

Álamo, chopo e alameda son, polo tanto, castelanismos admitidos, na miña opinión innecesarios por podérense substituír por choupo ou choupeira (sigo a prefir esa forma ca chopo) e o seu derivado choupal. De feito, a palabra alameda ten a ver cun momento histórico concreto nas cidades e vilas de Galicia, cando a burguesía local deseñou xardíns que osixenasen os centros urbanos con especies exóticas. Costume que tiña por obxecto remedar os fidalgos que plantaban no seu pazo árbores traídas de América ou Asia e, por outra banda, diferenciar estas arboredas de “boa familia” dos bosques circundantes, nos que medraban o carballo, o castiñeiro e outras especies “da aldea”. Até nas alamedas que contan con castiñeiros optouse por ese requintado “castaño de indias” mellor que polos ourizos do país.

Navegación de artigos