Dúbidas do galego

Arquivo para a etiqueta “colariño”

Alzacuello

Foi Marcos Peña, seguidor da páxina do ‘Dúbidas’ no Facebook, quen me descubriu o tema deste artigo. Agradézolle que me preguntase. Non reparara nunca en que esta palabra non ten unha forma galega estendida. E é lóxico: nela danse dous factores para que o castelanismo triunfe: é do campo semántico da relixión e mais do da roupa.

O alzacuello define en castelán unha fita de tea endurecida que, cinxida ao colo, obriga a levalo erguido. Tamén, xa mais especificamente, unha fita solta de tea endurecida ou de material ríxido que se cinxe ao colo, propia do traxe eclesiástico.

Alzacuello primeiro definiu calquera peza de tea dura ao redor do colo e logo, ao desapareceren do repertorio téxtil “civil” esas pezas de merzaría, o significado quedou restrinxido ao traxe de cregos e demais sacerdotes cristiáns.

Por este motivo, en galego podemos usar a palabra colariño. Aínda que no dicionario da RAG non aparece o significado de fita de tea endurecida que vai no pescozo, si o definen deste xeito tanto o Estraviz coma o Franco Grande, entre outros. Aínda que a ausencia de colos endurecidos na vestimenta normal quizais fai innecesaria a precisión, simplemente con engadir “de crego” ou “eclesiástico” queda claro a que nos referimos. “Os traxes que Bruni deseñou para o Vaticano son tan elegantes que se non for polo colariño da camisa nin sabías que os vestían curas”.

O Estraviz aínda nos dá outra posibilidade: cabezón. Esta palabra xa aparece no Dicionario da RAG (1913-1928) co significado de “parte dalgúns vestidos que rodea o pescozo”. O colariño de crego, como pode verse nos traxes dos sacerdotes luteranos, nin sempre foi como agora polo que é normal pensar na semellanza entre o formato propiamente clerical e outros modelos de gola que servían para destacar a parte do pescozo. “O cabezón dos pastores anglicanos é máis ancho e vai por completo á vista”.

 

 

Navegación de artigos