Dúbidas do galego

Just another WordPress.com site

Arquivo para a etiqueta “comecartos”

Tragaperras

O outro día descubrín que nos bares aínda hai máquinas desas nas que vas enfiando moedas coma un papián para ver se, a conta de investir en musiquiña irritante, luces de cores e combinacións surrealistas de campás, sandías e acios de uvas, de alí a uns minutos, a barriga de buda do tal aparello cuspe esas moedas multiplicadas por catro ou por cinco.

Descubrinas porque un cativo estaba a calcar nos botóns sen gastar un euro. Cada vez que calcaba, a maquiniña emitía un son prehistórico comparado con calquera dos que fan hoxe os teléfonos móbiles mais aínda así a criatura estaba alí embobada. E recordeime a min mesmo facendo o mesmo, 30 e algo anos atrás. Nunca metín unha peseta no vicio pero tiven unha época na que pescudaba o segredo que fascinaba tanta xente na procura daquela propina inesperada. Logo apareceron as máquinas do Super Mario e do Street Fighter e xa pasei a outro nivel.

O caso é que esa máquina que aínda ten vida e segue a causar moito dano entre as persoas enfermas de ludopatía, en galego non se chama tragaperras. A forma correcta é comecartos. A tradución buscou conservar a esencia coloquial do nome castelán mais ten no noso caso unha vantaxe. Mentres que no castelán vivo a palabra perra como sinónimo de moeda de baixo valor está obsoleta desde hai moito tempo, a forma cartos vive xusto un proceso antagónico. Os puristas da lingua galega, en especial os reintegracionistas, téñense laiado moitas veces de que unha forma que xurdiu como coloquial, popular, para referirse ao diñeiro, sexa hoxe a forma maioritaria entre os galegofalantes e tamén no rexistro culto e formal. Eu non lle vexo problema. Que nun xornal se use a forma cartos en vez de diñeiro en nada incomoda a pureza do idioma, ben ao contrario, incorpora unha palabra que se sente na saliva sobre o papel. E non unha forma castelanizada, senón unha creación nosa, útil, autónoma e universalmente recoñecible.

Amais de comecartos, estes aparellos son coñecidos simplemente como máquinas ou maquiniñas. Na vía do eufemismo cara a aqueles obxectos que suscitan ameaza, moita xente prefire elidir o nome completo, igual que ocorre con outras palabras que convocan a tristeza ou a maldade, caso de cancro, sida ou declaración da renda.

Navegación de artigos