Conclave
En galego, a xuntanza de cardeais que se realiza para escoller papa dise conclave, con acentuación grave e polo tanto sen acento gráfico. O castelán cónclave é unha forma curiosa (quizais buscando a solemnidade das esdrúxulas) do diáfano con clave (con chave) co que se definiu esta reunión cardenalicia.
Conclave –con chave– é unha das cernas da escolla papal. O catolicismo susténtase sobre a independencia total dos cardeais á hora de elixiren papa xa que foron moitas historicamente as presións do poder temporal (reis e Emperador) para pór un outro na cadeira pontificia. En realidade, ese símbolo da casa pechada foi en moitas ocasións unicamente iso, un símbolo. Na meirande parte das eleccións papais, vulnerouse o peche con espías, mensaxes gardadas nas entrañas das comidas que recibían de fóra e incluso un admirable tránsito de pombas mensaxeiras que deixaban o seu recado nas celosías vaticanas.
Conclaves de sona houbo moitos. Pola virulencia do peche, destaca o que escolleu a Xoán XXII o 7 de agosto do 1316. Logo de dous anos de desacordo entre os cardeais, o rei Filipe V de Francia (naquela altura o máis importante reino de Europa) pecha a cal e canto os purpurados en Lyon e ordena que non os alimenten nin lles dean auxilio de ningún tipo até que escollan papa. Di a lenda que algúns cardeais gastaron centos de moedas de ouro en subornos para conseguir comida substanciosa e incluso compañía feminina. Ao final, no límite do esgotamento, decidiron apostar por un cardeal francés, Jacques Duèze, de 67 anos, murcho e suspirante, que pasou toda a xuntanza derreado nun catre, pensando que duraría pouco. Vaia vista! O seu pontificado durou 18 anos e está considerado como un dos grandes xenios das finanzas de todos os tempos. Del foron as reformas que converteron o papado nunha gran compañía transnacional con beneficios todos os anos.
Estes días oiremos moito nos medios “os purpurados” como sinónimo de cardeais. Mais vemos que as súas roupaxes son de cor escarlata. Esta suposta incoherencia non é tal. Na Idade Media, o púrpura definía a cor vermella viva, que os tintureiros conseguían dun molusco chamado púrpura. Co tempo, esa cor encarnada lográbase máis intensa utilizando o quermes. Esa cor chamouse escarlata (provén do árabe iskirlata) e o púrpura pasou a definir esa cor que vai do vermello ao violeta. Para superar a ambivalencia entre dúas cores tan diferentes, fálase de azul púrpura e de vermello púrpura. Unha curiosidade: o león emblema do reino de Galicia e León historicamente pintouse nos brasóns en vermello púrpura (hoxe encarnado vivo) mais como nos manuais aparece “león púrpura en campo de prata” podemos ver o fero animal representado en violeta (azul púrpura) e incluso rosa.
Hoxe en día, podemos dicir que os cardeais visten de vermello, de carmesí ou de escarlata. A alta xerarquía eclesiástica escolleu esa cor porque na Idade Media era a cor do luxo. Era o ton máis difícil de conseguir e polo tanto representaba unha posición social de riqueza.
Non se debe relacionar a cor cárdea (a cor azul-violeta dos hematomas), cuxo nome se tomou da tonalidade das flores do cardo. En galego non debemos empregar cardenal como sinónimo de hematoma. Mellor negrón ou mazadura. Moratón é un vulgarismo castelán, cuxa gramática recomenda moretón.
A palabra cardeal é moi vella no galego, de aí que do latín cardenalis (fundamental) pasase ao erosionado cardeal. En Galiza historicamente tamén houbo cardeais. Así se coñecían os cóengos que formaban parte do cabido nalgunhas catedrais, caso das de Santiago e Ourense.