Dúbidas do galego

Just another WordPress.com site

Arquivo para a etiqueta “conxunción copulativa”

Ti i eu

A conxunción copulativa en galego é e. Sempre. En todos os casos, pase o que pase antes ou despois na frase na que vai incluída.

Nunca escribiremos “Ti i eu” aínda que pareza que se produce unha cacofonía ao pronunciar “Ti e eu” porque unha cousa é a escrita e outra a fala, onde, nalgúns casos, como nesta frase que veño de reproducir, si que pode modificarse o son da conxunción e por outro que permita adaptarse ao seguinte fonema.

Isto non significa que sexa galego xenuíno pronunciar sempre a conxunción e co son i, como escoitamos acotío. Por que sucede este fenómeno? Para o profesor Xesús Alonso Montero, é síntoma de castelanización. El considera que hai unha influencia clara do y sobre determinados galegofalantes (tanto neofalantes como falantes de galego de sempre). Outras voces consideran que este cambio vocálico é causa dunha relaxación do e pechado cara ao i, como ocorre con outros casos da expresión oral galega. Por exemplo, nalgunhas comarcas de Galicia, o imperativo dos verbos da segunda conxugación pasan do o pechado ao u: “Murde!”. “Cume e deixa de palicar, ho”. Tamén formas como iste ou il responden á erosión das vogais pechadas.

Sexa como for, malia que na frase haxa unha palabra a continuación do e que tamén empeza por e, nunca usaremos i. “Van vir comigo este e este”. “Eduardo e Henrique son curmáns, non cuñados”.

Advertisements

Navegación de artigos