Copago
Se na ciencia a influencia da ideoloxía é absoluta e os avances nas diferentes disciplinas foron moldeándose a mercé dos poderes políticos, nas humanidades, esta influencia é cosubstancial ao seu propio desenvolvemento. Como temos comentado, na lingua a ideoloxía xoga unha longa e dura batalla no campo semántico.
A palabra castelá copago é un neoloxismo nesa lingua. A RAE aínda non a admite a pesar de que nos últimos anos se estendeu na fala de políticos e xornalistas e de aí, ás conversas do común da xente. No galego, coma con calquera neoloxismo castelán, introduciuse sen reacción das autoridades lingüísticas propias, inermes, sen apoio en medios de comunicación na nosa lingua, cada vez máis escasos e menos influentes. Chama a atención que nunha recente mobilización de organizacións nacionalistas se usase o castelanismo copago no propio lema.
En galego debemos traducir copago por copagamento, palabra xa existente en portugués desde hai varias décadas, co sentido de pagamento feito conxuntamente con outro ou outros. Así podemos aplicalo a calquera gasto compartido. Mais o copagamento que arestora está de moda é o sanitario. As reformas políticas que obrigan os cidadáns a asumir parte do custo de servizos e medicamentos foron definidas polo propio poder político como copago.
Non deixa de ser unha lectura ideolóxica. Quen comparte o pagamento? O cidadán e o goberno? Non. O cidadán paga eses servizos por adiantado, a través de impostos, cotas da Seguridade social e taxas específicas, como a que grava o consumo de combustible con ese único fin. Así que non é incorrecto definir ese copagamento como repagamento, tal e como propoñen algúns políticos de esquerda, xa que en realidade, no caso da sanidade, pagámola dúas veces.
A crise económica do 2008 é profunda, tanto que condiciona elementos como a lingua que se emprega para definir o que sucede. Son tempos de eufemismos e palabras ambiguas, cando non completamente inexactas. Desaceleración, flexibilidade, axustes, mobilidade exterior, austericidio, consolidación fiscal. As palabras non son inocentes. O primeiro paso para conseguir impoñer unha ideoloxía é impoñer a lingua coa que definimos o que nos pasa. Teñamos en conta isto cando escollemos como expresarnos.