Dúbidas do galego

Arquivo para a etiqueta “covid-19”

Mascarilla e aforo

Os contextos históricos inflúen tamén sobre a lingua. A expresión, tanto a individual coma a colectiva (a que se difunde especialmente a través dos medios de comunicación e, en certa medida, a través da literatura), está suxeita ás circunstancias cotiás que van mudando a xerarquía. E cando os acontecementos lles dan determinado protagonismo a palabras e conceptos, nunha lingua subordinada como o galego, precisa manterse alerta para non perder terreo fronte ao castelán ou o inglés en campos semánticos nos que o noso idioma ten recursos suficientes para facerse entender.

A Covid-19 é un deses acontecementos que incide directamente na recomposición de moitos conceptos. Se hai un ano falásemos aquí de como dicir en galego mascarilla e aforo, así por xunto, pareceriamos exóticos ou proféticos. Mais a día de hoxe ambas palabras teñen un vínculo evidente. Na maioría dos establecementos comerciais vemos a diario cartaces e folletos que nos explican os pasos que debemos seguir para entrar e comprar. “Obrigatorio o uso de mascarilla. Aforo limitado a 4 persoas”, rezan moitos destes sinais.

En galego é mellor utilizar máscara que mascarilla. O castelán, contra o tópico, é un idioma que abusa bastante do diminutivo para sinalar leves diferenzas léxicas. E na meirande parte dos casos, o galego prefire as formas plenas: mesa de noite fronte a mesilla de noche; portelo fronte a ventanilla…

Unha máscara é, segundo a definición (terceira acepción) do dicionario da RAG: “Aparello especial co que se cobre a cara, ou parte dela, para protexela, evitar respirar gases tóxicos, facilitar o envío de osíxeno aos pulmóns etc”. Polo tanto, debemos utilizar esta palabra xa non só para definir a peza de tea ou material técnico que cobre a parte inferior do rostro (do nariz ao queixo) e vai atada á cabeza por cordeis ou cordóns, senón tamén para outros usos, caso das máscaras para soldar ou as máscaras de osíxeno.

En canto a aforo, en galego non é unha palabra recomendable por considerarse tamén castelanismo. Para o concepto de número máximo de persoas que pode admitir un recinto é conveniente utilizar o substantivo capacidade ou a fórmula capacidade máxima. O lingüista Benigno Fernández Salgado, autor do máis importante dicionario de dúbidas do galego, propón admitir foro tamén para este significado.

Polo tanto, os avisos á porta dos locais comerciais, culturais ou de hostalaría e espectáculos deberían indicar: “É obrigatorio o uso de máscara. Capacidade máxima (ou foro)…”

Covid-19

Até marzo pouca xente sabía que significaba Covid-19. Podería formarse un grupo de punk-rock ou unha asociación de empresarios con este nome (COlectivo Vigués de Innovación y Dinamización). Coronavirus era unha palabra ignorada por todo o mundo (agás por algúns memoriosos lectores do Astérix) até os primeiros días de xaneiro. Mais a pandemia e o confinamento mundial mudaron esta situación moi rapidamente. A epidemia creou o seu propio campo semántico e é bo sabermos como achegarnos a el con propiedade.

En galego, a RAG recomenda nomear a Covid-19 (ou COVID-19) en feminino, ao ser este un acrónimo (COronaVirus Disease) formado a partir do substantivo, feminino, enfermidade (disease, en inglés). A Covid-19 é, polo tanto, o nome científico da doenza e así debe comunicarse. O coronavirus é o patóxeno que a causa. A OMS e o goberno chinés foron os promotores deste rápido nomeamento para impediren que se popularizasen nomes que estigmatizasen algunha poboación ou nación. Pasou recentemente co ébola, palabra xa común mais que en orixe nomeaba unicamente un río, duns 250 km, afluente do Mongala, afluente á súa vez do Congo, dentro do territorio da actual República Democrática do Congo. Este río, que seguramente recibiu este e outros nomes durante séculos e trouxo, coma todos os ríos, prosperidade e alimento aos habitantes das súas ribeiras, é hoxe un dos moitos nomes da morte, des que no 1976, nunha localidade próxima se detectou o primeiro caso dunha enfermidade que se coñeceu logo con este nome.

Coronavirus chinés, doenza de Wuhan… Puideron ser nomes que a prensa solidificase na memoria universal. Mais a fortaleza internacional da República Popular da China evitou, polo momento, que tales nomes se estendesen, máis alá dalgún comentario malicioso do presidente dos EUA, Donald Trump, ou dalgún dirixente do partido ultradereitista español Vox, entre outros. Historicamente, a asociación entre enfermidade e comunidade tivo éxito na súa difusión popular. A gripe española asolou o mundo no 1918, aínda que se sabe que tivo orixe en Norteamérica. A lenda di que se lle chamou española porque eran os xornais de España os únicos que falaron da pandemia, no último ano da Gran Guerra. A sífile foi chamada popularmente mal francés ou morbo gálico. Até o punto de que no galego enxebre unha persoa galicosa, hoxe en día, xa non só define alguén afectado por tal doenza senón que pode adxectivar calquera persoa extremadamente fraca ou con moi mala cara. “Come un pouco máis que estás galicoso de todo”. Outro significado é sinónimo de zorra ou puta, xa que a sífile é unha enfermidade de transmisión sexual.

Coronavirus e non coroavirus. Aínda que en galego digamos coroa, para a creación de neoloxismos, todos os idiomas recorren ás formas cultas (case sempre gregas ou latinas). De aí que, aínda que, en efecto, o bautismo do coronavirus tivo a ver coa semellanza que os científicos, no 1968, atoparon o microorganismo coa coroa solar, se use a forma plena, tomada do grego, corona.

A fala popular, a pesar do pouco tempo de vida no noso léxico, xa creou formas alternativas, como ocorre case sempre con neoloxismos impostos na fala de arriba cara a abaixo. Escornavirus ou conavirus son formas documentadas oralmente, ao igual que no pasado se falou de ouros (por euros). É cedo para saber se estes nomes populares terán percorrido, ao xeito das formas alcolito ou alcolitro (por eucalipto) ou quedarán esquecidas, como ocorreu cos propios ouros, a pesar da súa coherencia semántica co significante dos euros (moeda, tantas veces na historia elaborada co metal máis precioso).

Quizais no futuro a Covid-19 se coñeza con outros nomes. Nalgunhas contas do Twitter en lingua galega optouse por nomes máis adaptados á gramática da lingua, como covidia ou covídea. Historicamente, o pouso do tempo foi modificando os significados e os nomes. Morriña, que hoxe define a saudade ou a melancolía, en tempos usábase masivamente para falar de varias doenzas do gando (hidropisía, sarna…). De feito, o adxectivo morriñoso/a, que hoxe vexo na literatura referido a persoas tristes, tradicionalmente definía síntomas de abatemento máis físico ca anímico. “Non se me dan as plantas; mira para elas que morriñosas están”.

En galego debemos diferenciar influencia de influenza. Influenza é un dos nomes literarios da gripe, tomado do italiano.

E o que en castelán se chama viruela, en galego é varíola. Mais tamén se coñece popularmente polas boas ou polas vexigas. Afortunadamente, tal peste (nome popular para unha doenza grave e de doado contaxio) está practicamente extinta.

Navegación de artigos