Dúbidas do galego

Just another WordPress.com site

Arquivo para a etiqueta “debaluto”

Debaluto

De cando en vez gústame traer aquí algunhas palabras que están a acabarse. Si, as palabras son coma calquera ser vivo. Naceron nalgún momento, medraron e foron gañando e perdendo significados co paso do tempo e chegado un momento, han desaparecer. Hai veces que esa morte non é definitiva porque reviven por calquera causa mais por costume, unha vez que se silencian na lingua falada e xa nin os escritores a usan nos seus libros, marcha e adeus.

Hai pouco sentín na Limia esta fala: “Agora son vello e teño todas as terras ao debaluto”. Quen falaba, en efecto, debía roldar os 80 anos e tiña as bagullas a adornarlle as pálpebras mentres conversaba con outro, máis ou menos dos seus anos, sobre o tópico tempus fugit virxiliano.

O caso é que ao escoitar a expresión ao debaluto inmediatamente a relacionei con outra locución que estou farto de oírlle á miña nai e a toda a miña xínea da Maraña: andar ao debaluque. No caso da miña familia, o debaluque non ten que ver co abandono (con deixar de monte ou á poula) senón con andar de festa rachada. “Mira que olleiras traes! Andas ao debaluque venres e sábado e logo o domingo non tes nin saliva na boca”. É dicir, o debaluque é máis ben un abandono dos bos costumes, un asilvestrarse moral, unha desorde máis dionisíaca que agrícola.

Nos dicionarios de Leandro Carré Alvarellos e de Estraviz aparece a expresión ao debaluto; non así debaluque, polo que a considero unha derivación, común noutras moitas palabras.

Sempre digo que o único remedio para salvarlle a vida a unha palabra é usala. Non hai semana na que eu ou meu irmán ou moitos dos meus primos falemos do debaluque. Se vos presta, recordade que a forma documentada é debaluto e que serve moi ben para definir unha boa xolda abarrabasada.

Advertisements

Navegación de artigos