Dúbidas do galego

Arquivo para a etiqueta “destituír”

Demitir

Confeso que até hai poucos días non sabía que demitir é unha forma proscrita pola norma estándar. Estudei, lin e escribín demitir toda a vida, pensando que esta forma con de- era igual de correcta que a forma etimolóxica dimitir. Mais non.

Segundo a Real Academia Galega, a forma demitir é un lusismo que se debe corrixir en todos os casos. A razón: que os portugueses tomaron o verbo non directamente do latín dimittere senón do francés, idioma que usa a mesma forma (démettre) para demitir e dislocar, este si proveniente do latín demittere.

Explica o lingüista Benigno López que a forma francesa (como ocorreu noutros centos de palabras) dominou as linguas do seu contorno durante moito tempo e até en castelán se utilizou demitir até que nalgún momento os normativizadores decidiron revisar o verbo e devolvelo á coherencia etimolóxica.

No portugués, demitir é unha forma maioritaria mais tamén é correcto dimitir. Coido que en galego debería pasar o mesmo. É certo que, por influencia do castelán, está máis estendido o di- mais logo de tantos anos de uso somos moitos os que utilizamos demitir. É unha forma usual no noso idioma e que exista en portugués non fai máis que reforzar a necesidade de admitir o seu emprego. Deste xeito evítanse incoherencias entre os usuarios, máis preocupantes que supostos problemas sobre a orixe desta palabra.

No campo semántico de demitir teño que volver recoñecer  a miña ignorancia. Sempre pensei que o galego normativo fixaba o significado do verbo cesar como verbo intransitivo mais o VOLG indica o contrario ao que eu escribira neste texto do 2012. Contra o sentido etimolóxico e poético, as nosas autoridades lingüísticas admiten o que negan as do castelán ou do portugués. En galego podemos usar o verbo cesar como sinónimo correcto de destituír. “O alcalde de Santiago aínda non cesou a ningún dos concelleiros que están pendentes de xuízo por malversación de fondos públicos”. A frase, desculpádeme, dáme grima só de escribila. Eu seguirei insistindo en que usar cesar neste contexto, amais de innecesario, é un vicio de xornalistas e políticos.

Navegación de artigos