Dúbidas do galego

Arquivo para a etiqueta “dúbidas do galego”

Cinco anos de dúbidas

dubidasHoxe comeza a tempada 16-17 deste blog. Hoxe é unha data especial porque, semana arriba-semana abaixo, o ‘Dúbidas do galego’ fai cinco anos. Así que este primeiro texto non ha resolvervos ningunha dúbida porque o quero dedicar a recordar por que empecei a escribir e como foi evolucionando este proxecto.

Se vedes o meu perfil, non fai falta que vos conte que son xornalista. Traballei como redactor do semanario A Nosa Terra e coordenador de A Nosa Terra Diario, o medio dixital que compuñamos, até que deixou de publicarse no 2010 e un ano despois, o conxunto da empresa pechou e eu quedei sen traballo. É estéril explicarvos o que sentín cando quedei sen traballo pero só quero que comprendades que traballar nun medio de comunicación en galego (e iso segue a pasar hoxe) deixa pegada. Se a iso sumades que a meirande parte dos xornalistas sómolo por vocación, podedes darvos de conta que no 2011 non só me convertín nun parado, quedei desamparado ao mesmo tempo. E cadaquén vai buscando o amparo como pode, en moitos lugares e de moitos xeitos.

Xa na derradeira etapa de A Nosa Terra Diario eu facía algo semellante ao ‘Dúbidas’ e naquel outono triste de hai cinco anos entendín que a experiencia gaña en tantos anos de redacción, corrección de textos e pelexa no día a día coa norma do galego para adaptala ás necesidades de expresión dun medio de comunicación en tempo real non podía quedar para min só. Por iso decidín crear o blog, como xeito de publicar na rede, para quen quixera velo, como eu resolvera dúbidas que me asaltaran durante anos.

Manter un blog altruísta (ou egoísta, porque me deu e me segue dando satisfaccións) é unha tarefa con altibaixos. Hai épocas nas que a vida se che complica e non atopas lecer para escribir, outras veces escribes textos cos que non quedas contente. Poucas veces alguén entra, fai un comentario desairado e amárgache o día. Pero polo xeral, o ‘Dúbidas’ contou cunha comunidade lectora excelente. O número de visitas foi medrando ano tras ano, a pesar de que a periodicidade e o número de entradas do blog por ano baixou. A xente entra, pregunta, interésase por saber como mellorar o seu galego. Amais do blog, creei a comunidade no facebook do ‘Dúbidas’. Humildemente, penso que foi un éxito ben grande. Arestora forman parte dela ao redor de 1.900 persoas. Coñezo como funcionan as redes sociais, os seus límites e o autoengano que poden provocar pero coido que é unha cifra de “gústames” ben xeitosa. Coido que as persoas que neste tempo a utilizaron para me preguntaren e consultaren cousas houberon de ver o meu interese en atendelas canto antes e axudalas a resolveren problemas concretos. Houbo persoas que me pediron axuda para traducir un menú dun restaurante, para corrixir a edición dun texto literario, para escribir con corrección unha carta a un ser querido en bo galego.

Estou orgulloso de dúas cousas neste tempo. Unha, que o blog se converteu en referencia para moitas persoas que se dedican profesionalmente á tradución. E tamén que moitas persoas estranxeiras que están a aprender galego confiaron no blog para resolveren dúbidas e apertos. Como galegofalante, coido que é moi importante ter en conta que a nosa comunidade lingüística debe aspirar a medrar, sempre. Tanto con persoas da nosa nación que se decaten de que falar en galego suma e nos fai máis sexis :)) coma con persoas que coñecen a nosa lingua por centos de razóns e logo de sentila ou lela, deciden amala porque non existe outro xeito de definir o acto de aprender unha lingua que non é túa e que non vale para o comercio, para o negocio, para o triunfo no capitalismo. Se puxen o meu granceiro de area para que ese amor floreza, xa me dou por feliz con esta experiencia.

A partir de agora, intentarei actualizar o blog todas as semanas. Dádeme o desconto cando falte á cita. Será que non podo, de veras. Quero que vos animedes a preguntar, a expresar as vosas dúbidas, a suxerir temas. Sede insistentes porque talvez me esqueza. Sede pedichóns, que o non xa o tedes :))

Moitas grazas por lerdes este blog. É ben difícil estar á vosa altura. Apertas!

Navegación de artigos