Dúbidas do galego

Arquivo para a etiqueta “efectos”

Enseres

A palabra enseres é un castelanismo. Unicamente se pode utilizar en plural (non hai o enser) e define o conxunto de utensilios, mobles e instrumentos necesarios para desfrutar dunha casa ou para exercer un oficio ou profesión. Esta palabra de número invariable procede dunha antiga locución castelá: tener en ser, é dicir, posuír en existencia. De aí, co tempo pasou a enseres.

No galego pode aparecer case sempre en escritos. Como non é unha palabra demasiado utilizada, pasa mellor por propia xa que nin na escola nin no noso contorno recibimos aviso de que é foránea. Ademais, moitas veces forma parte de frases feitas, outra vía de penetración moi cómoda para os estranxeirismos.

Unha forma doada de substituír enseres é instrumental, se falamos dos útiles dun oficio. “Tiña no pendello o instrumental de carpinteiro” ou mobiliario e moblaxe para falar dunha casa. “A parella desafiuzada ficou na rúa, sentada sobre a súa moblaxe”.

Sempre podemos substituír enseres por substantivos tales como útiles, utensilios, aparellos, ferramentas, obxectos e efectos (efectos só ten significado de conxunto de cousas en plural polo que é, coma enseres, unha palabra de número invariable).

Navegación de artigos