Dúbidas do galego

Arquivo para a etiqueta “engadir”

Aportar

Como ben di o lingüista Benigno Fernández Salgado, aportar converteuse nos últimos anos nun verbo comodín no castelán que se oe nos medios de comunicación. Aporta o político no seu partido, o futbolista no seu equipo, o traballador na súa empresa.

O castelán tomouno do francés apporter e tamén existe no italiano (apportare). Ten tres significados fundamentais: contribuír, engadir, dar. Dito dunha persoa: levar a parte que lle corresponde á sociedade da que é membro. Dito dun cónxuxe: levar bens ou valores á sociedade conxugal.

En galego debemos prescindir do verbo aportar, primeiro porque é unha forma castelá que non existía na nosa tradición e logo porque é o que eu chamo unha palabra acacia: alí onde cae, arrasa coa biodiversidade lingüística, impide que florezan formas máis propias, máis precisas e claras. Como ocorre con outras palabras comodín, a súa excesiva presenza nos medios de comunicación debilita a riqueza do idioma, tanto o castelán coma (o que nos importa aquí) o galego vivo.

Para os dous significados secundarios, é dicir, levar bens dentro dunha sociedade, incluída nestas o matrimonio, a forma galega é achegar. “Logo de casarmos, decidimos converter en bens do matrimonio a casa de Eduardo e o meu apartamento”.

No resto do caso, amais de achegar podemos usar contribuír e engadir, principalmente, e sempre segundo o contexto. “Pienso que en clase aporto siempre una visión original de las cosas”. “Penso que na clase achego (ou contribúo con) unha visión orixinal das cousas. “El cilantro le aporta al plato frescura y exotismo”. “O coandro (ou coendro) engádelle ao prato frescura e exotismo”.

Si existe, de todos os xeitos, aportar en galego. É un verbo que define a chegada a porto dunha embarcación. “O bou aportou pasado o mediodía ao peirao da punta”.

Navegación de artigos