Dúbidas do galego

Arquivo para a etiqueta “estada”

Andamio

Cando traballaba en A Nosa Terra farteime de corrixir a palabra andamio. É que o VOLG considéraa incorrecta. Recoñezo arestora, diante dos compañeiros que sufriron o meu riscado, o meu erro. Substituíaa con furor por estada. Andamio aparece no dicionario da Real Academia Galega, principal fonte limpa que marca os limites da lingua estándar.

Andamio e estada son palabras galegas, admitidas co mesmo significado. Eu sempre preferín andamio (aínda que logo fose o seu meirande censor). É termo documentado no galego medieval e presente nas linguas do noso contorno con lixeiras variacións. O portugués prefire a forma andaime pero admite andaimo.

Sobre a súa orixe e primeiros usos os especialistas vese que non se poñen de acordo. Para algúns ten a ver co verbo andar, xa que esta estrutura metálica ou de madeira se constrúe para permitir camiñar a altura. Mais paréceme mellor a explicación etimolóxica que indica que é un arabismo, procedente de ad-da’ama, plural de piar. Deses “piares” xurdiu un invento cuxo primeiro uso debeu ser militar. As historias de asedios fálannos dos andamios, enxeños móbiles con táboas e columnas nas que os atacantes avantaban cara ás murallas e atinxían de xeito doado as ameas.

Case ao mesmo tempo os andamios foron usados na construción e na arte. Son famosos os andamios que Michelangelo Buonarroti empregou para pintar a Capela Sixtina do Vaticano.

Navegación de artigos