Dúbidas do galego

Arquivo para a etiqueta “exitosa”

Taquilleira

Na TVG tivo en tempos o seu momento de gloria este castrapismo. Igual que taquilla é castelanismo, este adxectivo moderno debe ser corrixido en galego. Aquí a normativa propón desas solucións fracasadas das que falabamos no post sobre taquilla: con grande éxito de recadación. Todo porque o galego tampouco admite o adxectivo exitoso, outro castelanismo moi estendido.

O lingüista Benigno Fernández Salgado propón o adxectivo billeteiro como alternativa. Paréceme moi oportuna a súa suxestión. Engarza a tradición galega coa portuguesa e non deixa de facer referencia aos billetes no sentido duplo de entradas de cinema e diñeiro. “Se Matalobos fose levada ao cinema, seguro que era un filme ben billeteiro”.

Cando falemos de taquilla como sinónimo de recadación si é importante utilizar formas relacionadas co diñeiro máis que co lugar onde se venden as entradas (quedamos que o mellor substantivo para esa función é portelo –ou billeteira, seguindo o razoamento de Brath). Hai moitas maneiras populares de facelo. “O filme Vilamor triunfou nas salas; Enrugas logrou unha importante recadación; Cela 211 foi triunfadora en billetes e en crítica”

Navegación de artigos