Fastidio
En galego non existen nin fastidio nin fastidiar(se). As formas propias para este substantivo e verbo serían fastío e enfastiar(se).
Fastidio é unha palabra comodín en castelán. O verbo fastidiar de feito úsase como forma eufemística para joder. Mentres que tradicionalmente viña significar aburrimento (igual que a forma patrimonial castelá hastío), hoxe en día úsase en calquera contexto no que sexa preciso substituír un verbo que se considera vulgar: hay que fastidiarse, pues te fastidias, fastídiate…
En galego non podemos calcar este modelo xa que na nosa lingua existen outras formas substitutivas de foder, por exemplo amolar. Non é que enfastiar ou fastío non poidan utilizarse nestes contextos senón que é conveniente non abusar para non convertermos estas formas nun simple comodín. “Me fastidió el lunes aquella llamada”. “Amoloume o luns aquela chamada”.
Fastío é, en orixe, un substantivo relativo ao aburrimento ou ao cansazo. “Oír aquel profesor non sei se é un fastío ou un suplicio”.
Tamén podemos usalo para definir a repugnancia por unha comida. “É superior a min, danme fastío todos os mollos verdes”.
O verbo enfastiar debémolo utilizar neses contextos concretos. “Os nenos enfastíanme. Só os dou aturado uns poucos minutos”. “Como non ía enfastiarme a comida ver como recollía do chan o bisté e o seguía comendo tan tranquilo no prato?”.
Como traducirmos esas frases feitas do castelán? O idóneo é respectar a forma foder e lembrar que moitas son traducións do castelán. A famosa: hai que foderse é en realidade unha forma que substituíu o tradicional “Fódase!”.
Para “no te fastidia” debemos centrar o significado: é unha enfatización para facer notar a nosa desgana ou desagrado por algunha cousa. Amais do “non te amola”, existen outros xeitos no galego: non me fodas, érache boa, home vai… Seguro que na vosa casa ou na vosa comarca sentistes falar moitas veces de frases feitas perfectas nestes contextos.