Dúbidas do galego

Just another WordPress.com site

Arquivo para a etiqueta “filete”

Fai bistés

En Vigo hai un local, no casco vello de abaixo, chamado Fai Bistés. Forma parte do novo boom da zona de Viños da capital atlántica e combina estética moderna coa procura desa esencia única que faga que vigueses e turistas escollan entrar nel no canto de iren a calquera das outras ducias de locais da zona.

Mais en realidade, o Fai Bistés ten historia. Abriu hai máis de 50 anos e o seu nome é dos que se consideran “a posteriori”, é dicir, seguramente nomeado pola clientela que sabía que naquel recanto “facían bistés”, é dicir, servían proteína entre poboación cansa, do traballo ou da festa. Na miña casa sempre conta meu pai que unha noite de marcha, nos primeiros anos da década do 1970, acabou singradura noctámbula alí, papando un bocadillo de bisté que lle debeu saber tan a gloria que ducias de anos despois segue a recordalo con nostalxia.

O bisté é, segundo o dicionario da RAG, unha porción magra de carne en forma de tallada de pouco grosor, especialmente de vaca. O nome é unha galeguización do inglés beef steak e está moi vivo na lingua oral.

A norma permite tamén a forma filete, que define calquera tallada de pouco grosor, tanto de carne coma de peixe. Mais na rúa a forma filete usouse en exclusiva durante moito tempo para definir o corte do peixe, especialmente da pescada. Mais a influencia madrileña nas carnizarías, cada vez máis doado grazas ao control das grandes superficies, estendeu a forma filete tamén ás porcións de carne.

Bisté é, polo tanto, unha forma galega xenuína, reivindicada por escritores do talle de Xosé Luís Méndez Ferrín. Mais tamén unha palabra tótem entre os que bordeamos os 40 anos. As primeiras xeracións sobrealimentadas da historia recente de Galicia medramos con nais que veneraban o poder da proteína para romper o “teito de cristal” da altura media dos nosos pais. O bisté como símbolo do progreso nun país que adoraba as frebas (ou febras, o equivalente do bisté no lombo do porco). Na miña infancia había un anuncio que dicía que catro petit-suisses alimentaban coma un bisté. Na miña casa dábanmos de merenda, por se acaso o bisté das doce non tivera proteínas suficientes.

Advertisements

Navegación de artigos