Flambear
Os franceses inventaron unha técnica culinaria que consiste en engadirlles licor a algunhas preparacións e logo plantar lume no alcol da bebida para consumilo rapidamente sen que a receita perda o gaño de sabor do líquido. Do francés flamber pasou ao castelán como flambear, a pesar de que a RAE recomenda empregar flamear, a forma tradicional para o significado de pór lume ou arder despedindo brillo.
En galego debemos substituír o galicismo pola forma propia flamexar, coa mesma orixe, a través do latino flamma (chama, lapa). “Cando o fígado está case cocido, engadimos na tixola medio vaso de coñá e flamexámolo durante 30 segundos”.
Flamexar tamén significa arder con gran viveza ou brillar algo intensamente. Derivados son flamexante e flamíxera.
No castelán úsase flamear tamén como sinónimo de ondear, no caso dunha bandeira. É unha forma moi asentada da poética patriótica xa que quere indicar que a enseña nacional brilla no alto do ceo. En galego podemos usar flamexar con bandeiras ou estandartes mais sendo conscientes de que é unha forma metafórica de describir o movemento flutuante do pano a mercé do vento.