Dúbidas do galego

Arquivo para a etiqueta “foder”

Fastidio

En galego non existen nin fastidio nin fastidiar(se). As formas propias para este substantivo e verbo serían fastío e enfastiar(se).

Fastidio é unha palabra comodín en castelán. O verbo fastidiar de feito úsase como forma eufemística para joder. Mentres que tradicionalmente viña significar aburrimento (igual que a forma patrimonial castelá hastío), hoxe en día úsase en calquera contexto no que sexa preciso substituír un verbo que se considera vulgar: hay que fastidiarse, pues te fastidias, fastídiate…

En galego non podemos calcar este modelo xa que na nosa lingua existen outras formas substitutivas de foder, por exemplo amolar. Non é que enfastiar ou fastío non poidan utilizarse nestes contextos senón que é conveniente non abusar para non convertermos estas formas nun simple comodín. “Me fastidió el lunes aquella llamada”. “Amoloume o luns aquela chamada”.

Fastío é, en orixe, un substantivo relativo ao aburrimento ou ao cansazo. “Oír aquel profesor non sei se é un fastío ou un suplicio”.

Tamén podemos usalo para definir a repugnancia por unha comida. “É superior a min, danme fastío todos os mollos verdes”.

O verbo enfastiar debémolo utilizar neses contextos concretos. “Os nenos enfastíanme. Só os dou aturado uns poucos minutos”. “Como non ía enfastiarme a comida ver como recollía do chan o bisté e o seguía comendo tan tranquilo no prato?”.

Como traducirmos esas frases feitas do castelán? O idóneo é respectar a forma foder e lembrar que moitas son traducións do castelán. A famosa: hai que foderse é en realidade unha forma que substituíu o tradicional “Fódase!”.

Para “no te fastidia” debemos centrar o significado: é unha enfatización para facer notar a nosa desgana ou desagrado por algunha cousa. Amais do “non te amola”, existen outros xeitos no galego: non me fodas, érache boa, home vai… Seguro que na vosa casa ou na vosa comarca sentistes falar moitas veces de frases feitas perfectas nestes contextos.

Follar

A lingua relativa ao sexo é das máis ricas, en calquera lingua. Nunha tradición cultural dominada pola hipocrisía, o tabú e a culpa, tal foi a historia da Galicia católica nos últimos 600 anos, o pobo buscou o xeito de revirar as palabras, ir creando eufemismos e metáforas para nomear os elementos que participaban nos xogos do erotismo.

Por iso é máis triste que nos últimos tempos se estea a substituír o vocabulario de noso por un simplísimo feixe de palabras, moitas delas españolas.

A máis estendida nos últimos tempos, grazas á televisión, é o verbo follar. En castelán, este verbo tanto significa practicar o coito coma molestar, seguindo a vella tradición de asimilar as palabras do campo semántico do sexo non co pracer senón co incomodo (na mesma liña, o joder castelán e o foder galego).

Follar é unha palabra que hai pouco entrou no dicionario. Suponse que vén de fol (viría significar darlle ao fol, unha imaxe ben acomodada ao ritmo do coito) e até hai unha década, máis ou menos, era un madrileñismo vulgar.

En galego debemos prescindir deste verbo e substituílo por formas propias. A máis común é foder. Mais de tanto usala e por mor de tamén significar crear fastío, acabou por saír un tanto da linguaxe erótica. Aínda así, está presente na sabedoría popular: “Sempre me fodes, nunca me empreñas”, di a cantiga.

Outras palabras axeitadas para definir o acto sexual son fochicar ou trebellar. Na miña familia falamos de pinar (verbo que recolle o Estraviz, xa sabedes, o mellor dicionario en galego polo número de entradas). De pinar proceden os substantivos pinada e pinadela e o adxectivo pinante. Mais coidado coa palabra pinante porque nalgunhas zonas chámanlle así ao xurelo e noutras define algo fermoso ou axeitado. “Esa camisa quédache pinante”. Eu, afeito a oír pinante co significado de home mullereiro ou moi quente da virilla, quedei branco cando lle escoitei estoutra frase á avoa da miña muller na Limia.

Se nos poñemos cultos, podemos usar o verbo copular. Fornicar define só o acto sexual fóra do matrimonio.

Hai tamén maneiras de aludir ao acto sexual mediante perífrases: botar un foguete ou un canivete; deitar auga no muíño, facer as estivadas… Como dicides na vosa zona?

Fastidiar

O verbo fastidiar é desas formas que a Real Academia permite en galego mais desaconsella. A súa admisión no dicionario de referencia débese a que é un cultismo (do latín fastidium, que en galego deu fastío e en castelán hastío), ao igual ca o adxectivo fastidio. Ao mesmo tempo, recomenda substituílo por enfastiar, forma máis galega (tamén presente en portugués) para o significado de causar enfado, cansazo ou aburrimento, tres substantivos sinónimos de fastío, segundo as circunstancias.

Enfastiar é, na fala viva, un verbo morto. Apenas se usa na lingua culta e practicamente está fóra dos escasos medios de comunicación que se expresan en galego. O uso estándar preferiu amolar para este significado e considero este verbo, xunto con aborrecer, formas máis “independentes” ca o enfastiar, tan apegado ao castelán fastidiar.

Segundo o contexto, pódese usar anoxar, cansar, incomodar ou importunar. “Deja de fastidiar con la pelotita”. “Deixa de importunar (ou incomodar) coa pelotiña”.

Tiña eu un profesor de Ciencias, que se chamaba Gustavo e era de Lalín, que sempre dicía que “fastidiar estaba bien pero joder estaba mejor”. O galego permite, sempre no uso coloquial, utilizar a forma foder co significado de causar dano ou fastío. En realidade, agás na expresión fódase –interxección para expresar admiración, sorpresa, indignación…–, o seu uso en galego está moi abandonado. Até o meu avó Baltasar, que de estar vivo, tería 97 anos, dicía acotío: “Seica me ghodes ou pides para as almas”, maneira que na Maraña inventaron para escorrentar a quen se quere burlar de ti ou facerche perder o tempo. Meu irmán tivo épocas de dicir moito aquilo outro de “Home, non me ghodas”. En calquera caso, foder e foderse son sinónimos xenuínos e reivindicables de enfastiar e enfastiarse.

Navegación de artigos