Dúbidas do galego

Arquivo para a etiqueta “follar”

Follar

A lingua relativa ao sexo é das máis ricas, en calquera lingua. Nunha tradición cultural dominada pola hipocrisía, o tabú e a culpa, tal foi a historia da Galicia católica nos últimos 600 anos, o pobo buscou o xeito de revirar as palabras, ir creando eufemismos e metáforas para nomear os elementos que participaban nos xogos do erotismo.

Por iso é máis triste que nos últimos tempos se estea a substituír o vocabulario de noso por un simplísimo feixe de palabras, moitas delas españolas.

A máis estendida nos últimos tempos, grazas á televisión, é o verbo follar. En castelán, este verbo tanto significa practicar o coito coma molestar, seguindo a vella tradición de asimilar as palabras do campo semántico do sexo non co pracer senón co incomodo (na mesma liña, o joder castelán e o foder galego).

Follar é unha palabra que hai pouco entrou no dicionario. Suponse que vén de fol (viría significar darlle ao fol, unha imaxe ben acomodada ao ritmo do coito) e até hai unha década, máis ou menos, era un madrileñismo vulgar.

En galego debemos prescindir deste verbo e substituílo por formas propias. A máis común é foder. Mais de tanto usala e por mor de tamén significar crear fastío, acabou por saír un tanto da linguaxe erótica. Aínda así, está presente na sabedoría popular: “Sempre me fodes, nunca me empreñas”, di a cantiga.

Outras palabras axeitadas para definir o acto sexual son fochicar ou trebellar. Na miña familia falamos de pinar (verbo que recolle o Estraviz, xa sabedes, o mellor dicionario en galego polo número de entradas). De pinar proceden os substantivos pinada e pinadela e o adxectivo pinante. Mais coidado coa palabra pinante porque nalgunhas zonas chámanlle así ao xurelo e noutras define algo fermoso ou axeitado. “Esa camisa quédache pinante”. Eu, afeito a oír pinante co significado de home mullereiro ou moi quente da virilla, quedei branco cando lle escoitei estoutra frase á avoa da miña muller na Limia.

Se nos poñemos cultos, podemos usar o verbo copular. Fornicar define só o acto sexual fóra do matrimonio.

Hai tamén maneiras de aludir ao acto sexual mediante perífrases: botar un foguete ou un canivete; deitar auga no muíño, facer as estivadas… Como dicides na vosa zona?

Advertisements

Navegación de artigos