Dúbidas do galego

Arquivo para a etiqueta “galicia profunda”

Mover os marcos

Nos últimos tempos estase a poñer de moda a expresión “mover os marcos”. Úsase como frase feita para definir actitudes ou estratexias de modificación do statu quo, de avance, de progreso, de renovación ou incluso revolución. Mais este novo significado é completamente contraditorio co sentido tradicional da frase.

Mover os marcos, literalmente, consistía no costume de cambiar os marcos ou lindes ou lindeiros dun terreo, especialmente os que estaban a monte ou á poula, que eran menos visitados polos propietarios e permitían realizar esta tarefa sen ser descubertos. Mover un marco non é doado, xa non só porque fisicamente estes elementos de separación entre terras sexan complicados de mover, senón porque “mover os marcos” é un dos comportamentos máis desprezables pola comunidade labrega galega.

A quen se lle ocorreu reciclar esta frase feita supoño que pouco conviviu cos pequenos propietarios rurais ou papou acriticamente a “lenda negra da Galicia profunda”, esa que se delicia en contarnos historias de veciños que se matan por un marco. Mover o marco como rebeldía. Historicamente isto é un disparate tal como identificar un roubo a unha tenda do barrio con nacionalización da riqueza ou algo así.

Mover os marcos é, para o dereito tradicional, unha grande ofensa, para os costumes galegos, unha mostra de máximo egoísmo: intentar riparlle ao lindante uns poucos metros só pola goloíza de sumar un pouco de superficie ao teu patrimonio. Mover os marcos non ten nada a ver coa revolución senón coa cobiza e incluso o abuso. 

Aínda que poeticamente pareza soar ben, usar a expresión mover os marcos é contraproducente e pode incluso provocar rexeitamento. Sobran xeitos de dicir o mesmo sen caer nos preconceptos contra o rural e contra Galicia.

Hoxe en día xa ninguén move os marcos. O que cómpre é ir mover as fotos do Sixpaq onde se reflecte a división de propiedades rurais no Catastro. Na espesura dos montes, os lindeiros son en moitas comarcas inútiles alertas nas que ninguén repara: nin os eucaliptos ou acacias, nin o lume, nin os propietarios, herdeiros á forza que moran lonxe dos carreiros e das touzas. Os marcos son hoxe vestixios arqueolóxicos dun mundo que morre. Movelos até parece crueldade, como levantar unha mámoa ou expoliar un cruceiro.

Navegación de artigos