Dúbidas do galego

Arquivo para a etiqueta “galpón”

O son do Galpón

Som do Galpom mestura varios estilos musicais (rap, folk…) e tamén mestura o galego e o castelán no seu nome. Galpón é un castelanismo innecesario.

Aínda que cada vez máis estendido e considerado por moitos falantes como unha forma ben autóctona, o caso é que galpón é un castelanismo de orixe americana. Supoño que a través da emigración chegou galpón (do nahua calpúlli) ao galego. En América meriodinal e central este resto da fala indíxena de parte de Mesoamérica pasou a definir unha construción cuberta colocada á beira da casa con función de almacenaxe e/ou despensa. De feito, o castelán de España non usa galpón con ese significado.

O galego ten outras palabras para definir eses edificios. Na miña terra de Cequeliños chamámoslles cubertos e hai quen pronuncia cobertos, con o pechado. Máis estendidos quizais son alpendre ou pendello. Hai zonas onde se lles chama cabanas.

E ti como lle chamas?

Navegación de artigos