Compras exóticas
Nos supermercados galegos cada vez hai máis produtos exóticos. Vaia, o adxectivo exótico aínda ten validez mais dentro duns anos moitas destas delicias ultramarinas han ser tan naturais como hoxe o son a pasta, o queixo azul ou os kiwis.
Como ocorre sempre cos neoloxismos, o galego ten o risco de chegar tarde, cando a lingua poderosa xa definiu o vocabulario sobre estes novos campos semánticos. Mais hai sempre que lembrar que os fenómenos lingüísticos case nunca son irreversibles e os castelanismos, por moito que alguén o pense, non son dogmas nin están gravados a lume sobre as linguas dos galegofalantes vivos. É o tempo e o costume os que definen un vocabulario. O galego ten que ser autónomo, dar todas as batallas, defenderse e presumir da súa propia pegada.
Utilizo o verbo presumir a mantenta porque nestes días están a emitir uns anuncios do Gadis que teñen tal lema. O locutor da campaña publicitaria presume de galego nun castrapo de pésima categoría pero neste caso o único que me interesa do Gadis é a súa condición de supermercado que vende algunhas das cousas das que si quero falar.
Collamos o carro (non carrito nin carriño) ou a cesta e empecemos a percorrer corredores. Onda as salsas atopamos uns frasquiños transparentes cun líquido escuro: é salsa de soia. De tradición asiática, pode usarse para substituír o sal aínda que a súa potencia de sabor fai que teña utilidades maiores. A soia atópase noutras aparencias: en abrochos, grelos ou rebentos (en castelán brotes), en gran, que se cociñan como legumes e incluso en formas máis elaboradas, caso do tofu (ou queixo de soia), tempeh (soia fermentada), leite de soia e incluso miso, un preparado xaponés que se engade a sopas e salsas cada vez máis empregado na cociña galega aínda que non é doado de atopar en calquera comercio. Como vedes, mantiven as cursivas naquelas palabras aínda pouco “rodadas” en galego. É norma común na escrita de calquera neoloxismo sen asentar.
Seguimos conducindo o carro até a sección de pastas e cereais. O máis novo é a kínua, un cereal con alto nivel de nutrientes que o castelán xa adaptou á súa grafía mais co que aínda hai dúbidas sobre a pronuncia. As diferentes marcas e establecementos propoñen quínua, quinoa, quinua, quinúa. En galego deberiamos respectar o máis posible a forma orixinal. En quechua dise kínua ou kinuwa segundo a zona, polo que podemos optar pola que máis se nos acomode. Se o cereal ten éxito, de seguro que haberá determinados vulgarismos que competirán coa forma canónica. Sempre ocorre con aqueles estranxeirismos de difícil pronuncia. Por exemplo, o eucalipto é para moita xente un alcolito, alcolitro, alcolinto… Coa kínua pode pasar o mesmo mais de momento é conveniente respectar as formas quechuas. Seguimos: hai todo tipo de pastas italianas, pastas de arroz transparentes, fideos dos de sempre, fideos chineses, arroz, arroz arborio (idóneo para facer risotos. Si, a palabra italiana xa se asentou e podemos adaptala á nosa fonética), arroz basmati (o galego, ao non ter un son propio para a forma sh (do inglés bashmati) opta pola adaptación cun s, arroz xasmín (o propio para facer os aromáticos pratos tailandeses), arroz de sushi, cuscús (mellor que a forma francesa cous-cous) e bulgur (elaborado a partir do trigo; a palabra é un préstamo do turco).
Paro un segundo no caso do sushi. O ortodoxo sería propiciar unha forma galega baixo o formato de suxi. Mais neste caso, a implantación e influencia do prato xaponés desaconsella crear un conflito onde non o hai. Así como o sh de bashmati se pronuncia s, o sh de sushi si se pronuncia maioritariamente como xi e non como si, polo que non hai necesidade de modificar a grafía. Por que pasa isto? Primeiro porque a palabra sushi aparece moito na televisión. Temos o oído afeito. E segundo porque ao contrario do sh de final de sílaba, o sh acompañado de vogal está moi estendido: Sheraton, Sharon, Shirley, fashion…
Na sección de lácteos refrixerados, entre o requeixo (non requesón), os iogures (a Academia considera que esta é a forma triunfante e recoméndaa mellor ca iogurte. A máquina para facer estas delicias é a iogureira, polo tanto) e a tona, nata ou crema (valen as tres formas) para montar e cociñar, atopamos un convidado relativamente novo: o quefir. Esta forma xa está recoñecida no galego diante da maioritaria en castelán kéfir. Para quen non saiba que é isto, trátase dun tipo de iogur en cuxa fermentación participa un fungo que non se integra no leite callado senón que medra grazas a el. Ademais de no supermercado, hai redes de distribución gratuíta dos fungos. O seu sabor potente ten tantos admiradores coma detractores.
Por último, que non están os tempos para gastar moito, detémonos na sección de Froitas e Verduras. Aquí si que imos gastar que os froitos exóticos son dos máis caros. Se queremos algo doce, untuoso e corido, podemos optar pola papaia. No Brasil chámanlle papaia só aos froitos máis grandes; os que se venden aquí alá chamaríanse mamóns. Non me vexo eu pedíndolle á froiteira medio quilo de mamóns sen que arrinque en gargalladas.
Xunto aos aguacates, os plátanos (ou bananas, definen o mesmo froito malia que nas Canarias busquen identificar os plátanos cos froitos que alí producen fronte ás bananas de orixe americana) e os maracuxás, atopamos as mangas. Este delicioso froito de orixe americana ou africana recibe este nome en galego, coherente coa forma brasileira. Igua faremos coa goiaba, mellor que guaiaba.
Tamén do Brasil vén a mandioca (yuca en castelán). É unha raíz cada vez máis habitual na nosa cociña. Dá para facer unhas chips (velaquí un anglicismo aínda non asentado) crocantes ben curiosas. Da mandioca extráese a tapioca (haina que comprar no corredor das pastas e arroces), o pan de queixo (hai a vender nos grandes hipermercados un preparado en pó para facelo na casa) e a farofa, unha comida moi famosa no Brasil que aínda non se coñece por aquí.
Non quero saír deste supermercado sen recordarvos que o churrasco, que parece máis galego que os canastros (ou hórreos) é unha palabra traída polos indianos que acabou por substituír case en todos os lugares a palabra asado. Así que nunca subestimedes as novidades do carro da compra.