Dúbidas do galego

Arquivo para a etiqueta “gracias”

Grazas

Grazas e graciñas son as formas do galego para mostrar agradecemento, sexa este auténtico ou obrigado polos protocolos sociais. É certo que a forma máis habitual na fala viva é gracias, entre outras cousas porque foi a forma admitida no galego até o cambio normativo de primeiros do século XXI. É por iso que a forma grazas gaña usuarios día a día entre os galegofalantes. Como ocorre con todas as formas pouco habituais ao oído, faise necesario un período de adaptación, un adestramento que só se consegue escoitando e lendo unha palabra en variados contextos até que se naturaliza. Non é un caso moi diferente ao da música fórmula. Cantos de nós marmuriamos o soniquete da canción de moda logo de sentila unha única vez na radio? Poucos. En cambio, a base de oíla e oíla, acaba colonizando a melodía o noso cerebro e case sen sermos conscientes cantamos a canción do momento na ducha, por moi pouco que nos preste.

Afortunadamente, o idioma non ten unha dimensión vírica tóxica coma as cancións das emisoras comerciais pero na normalización do idioma é bo contar con ferramentas que a priori parecen destinadas para outras cousas. O galego, pola súa propia condición de lingua subalterna a nivel legal e por sufrir preconceptos de todo o tipo que reproducen moitos dos seus falantes, ve como anómalos procesos que son “habituais” noutros idiomas. Por exemplo, considerar que o galego “cambia a todas as horas” ou que “o galego normativo é inventado, o auténtico é o da aldea” é un pensamento que non se lle aplica ao castelán, malia que incorpora palabras novas ano tras ano e incluso fracasa en aplicacións normativas superficialmente innovadoras, caso da eliminación do acento diacrítico en sólo, unha reforma que a Academia Española tivo que enterrar.

Xosé Ramón Freixeiro Mato, un dos gramáticos máis importantes da lingua galega, recomenda que para que sexa máis doada a transición entre o gracias e o grazas, podemos usar o graciñas. A forma graciñas está moi estendida, marca complicidade e incluso cariño.

A forma grazas como xeito de agradecemento xa se documenta no galego medieval.

Navegación de artigos