Dúbidas do galego

Arquivo para a etiqueta “grazas”

Obrigado, obrigada

Nas últimas semanas a palabra “obrigado” como fórmula de agradecemento está a ter un protagonismo inusitado. O deputado no Congreso español polo BNG, Néstor Rego, converteu o seu uso nunha especie de bordón dialéctico que, coma unha pelota de tenis, foi rebotando entre algúns dos seus compañeiros no hemiciclo. Os socialistas Pedro Sánchez, presidente do goberno central, e Meritxell Batet, presidenta da cámara, empregárono nalgunha ocasión como xeito cortés de deferencia co pobo galego, mentres que deputados da ultradereita advertiron de que obrigado é unha palabra portuguesa, non galega. Por exemplo, o deputado de Vox Iván Espinosa de los Monteros, queixouse de que se use o “obrigado” e non as formas “grazas e graciñas”. Até que punto teñen razón Rego ou Espinosa de los Monteros?

Agora mesmo a fórmula de agradecemento case unánime na lingua viva e máis histórica do galego é “grazas” e o seu derivado “graciñas”. Grazas xa se utilizaba como fórmula de agradecemento no século XIII e está incluído na colección de voces galegas de Frei Martiño Sarmiento, no século XVIII. Mais a partir do século XX, nos dicionarios históricos xa se recollen “gracias. ” e “obrigado” como fórmulas de gratitude. Outras son “agradecido/agradecida” ou “benzón/benzóns”, coa súa variante beizón

Arestora, obrigado non aparece con ese significado no dicionario da RAG, mentres que grazas si o fai no Estraviz. Cando se asinou o Acordo Ortográfico a primeiros de século mudouse “gracias” por grazas. Conscientes os asinantes daquel acordo da dificultade de mudar unha fórmula tan arraigada entre os galegofalantes, propuñan “suavizalo” optando por “graciñas”, moi común en todos os rexistros da nosa fala e menos “estraño” ao oído. É interesante comprobar como naquel momento, mentres se incorporaban ao galego culto varias formas até ese momento consideradas mortas en galego mais moi vivas en portugués, caso de após ou porén, entre outras, non se facía mención ningunha a “obrigado”.

Foi o movemento reintegracionista, do que Néstor Rego forma parte, quen impulsou a fórmula que a maioría da cidadanía percibe como portuguesa fronte á forma máis asentada na propia Galicia. En determinados ambientes “obrigado” é de uso cotián, incluídas fórmulas cariñosas coma “obri”. Mais fóra deses círculos o dominio de “gracias” e graciñas é total. Grazas, a pesar dos anos, segue a verse como un cultismo e o seu uso, incluso entre galegofalantes conscientes e/ou escolarizados é minoritario. Polo tanto, a comunidade de fala galega terá que decidir se seguir a puxar pola restitución da forma grazas ou optar polo “obrigado” e “obrigada”. E todos debemos ser conscientes de que é moi complicado manter a comuñón entre unha comunidade de falantes e os seus líderes se estes ignoran por sistema as súas percepcións, aínda que estas non sexan exactas. Que moita xente galegofalante perciba obrigado como un lusismo talvez innecesario non é sinal de ignorancia, mais ben de lóxica atendendo á evolución e historia de ambas fórmulas na nosa lingua. E tamén é importante que esa mesma comunidade perciba que na lexítima e necesaria procura de restituír o galego xenuíno e evitar a súa perda léxica só se primen as palabras de uso frecuente en portugués. Primeiro porque o noso cadal léxico é inmenso e nin sempre coincide co portugués, cuxa historia lingüística consistiu, ademais, en “corrixir” moita da súa alma galaica co fin de lograr un rexistro estándar máis manexable desde Lisboa. É dicir, que non estaría mal que os deputados nacionalistas galegos, tal e como con obrigado, difundan en Madrid beizón, por exemplo.

Obrigado e obrigada porque, a pesar de que o propio Estraviz ignora a forma feminina, a fórmula si se modifica segundo quen agradeza sexa masculino ou feminino. En Portugal é corrente escoitar “obrigado” en bocas de mulleres mais non ocorre o mesmo no Brasil. Polo tanto, o correcto é empregar obrigado ou obrigada.

Como última curiosidade, algúns dicionarios recollen como significado de obrigado o de carniceiro. Parece ser que, por extensión, chamóuselle obrigado a aquel encargado de abastecer unha localidade de alimentos.

Grazas

Grazas e graciñas son as formas do galego para mostrar agradecemento, sexa este auténtico ou obrigado polos protocolos sociais. É certo que a forma máis habitual na fala viva é gracias, entre outras cousas porque foi a forma admitida no galego até o cambio normativo de primeiros do século XXI. É por iso que a forma grazas gaña usuarios día a día entre os galegofalantes. Como ocorre con todas as formas pouco habituais ao oído, faise necesario un período de adaptación, un adestramento que só se consegue escoitando e lendo unha palabra en variados contextos até que se naturaliza. Non é un caso moi diferente ao da música fórmula. Cantos de nós marmuriamos o soniquete da canción de moda logo de sentila unha única vez na radio? Poucos. En cambio, a base de oíla e oíla, acaba colonizando a melodía o noso cerebro e case sen sermos conscientes cantamos a canción do momento na ducha, por moi pouco que nos preste.

Afortunadamente, o idioma non ten unha dimensión vírica tóxica coma as cancións das emisoras comerciais pero na normalización do idioma é bo contar con ferramentas que a priori parecen destinadas para outras cousas. O galego, pola súa propia condición de lingua subalterna a nivel legal e por sufrir preconceptos de todo o tipo que reproducen moitos dos seus falantes, ve como anómalos procesos que son “habituais” noutros idiomas. Por exemplo, considerar que o galego “cambia a todas as horas” ou que “o galego normativo é inventado, o auténtico é o da aldea” é un pensamento que non se lle aplica ao castelán, malia que incorpora palabras novas ano tras ano e incluso fracasa en aplicacións normativas superficialmente innovadoras, caso da eliminación do acento diacrítico en sólo, unha reforma que a Academia Española tivo que enterrar.

Xosé Ramón Freixeiro Mato, un dos gramáticos máis importantes da lingua galega, recomenda que para que sexa máis doada a transición entre o gracias e o grazas, podemos usar o graciñas. A forma graciñas está moi estendida, marca complicidade e incluso cariño.

A forma grazas como xeito de agradecemento xa se documenta no galego medieval.

Navegación de artigos