Parrilla
Como pasa habitualmente cos termos relativos á cociña, o castelanismo parrilla está moi estendido. Debe substituírse polo galego grella, sempre. Tanto se falamos dunha grade metálica destinada a asar na brasa coma se nos referimos á tixola ou prancha metálica con forma de sucos que se coñece como grill –reparemos na semellanza de grill e grella.
Debemos usar grella tamén nos demais campos semánticos nos que a voz parrilla se usa figuradamente. A grella de saída é a zona dun circuíto desde onde saen os vehículos que compiten. A grella da programación é a táboa na que se detallan os horarios de cada evento televisivo da xornada.
Cando se fala de parrillada no menú dun restaurante, débese substituír por grellada. “Encántame a grellada de mariscos que fan nese restaurante ao que iamos en Ribeira”.