Greve
Greve é en galego un lusismo que moi minoritariamente se emprega para definir a interrupción voluntaria, individual ou colectiva, de actividades ou funcións por parte de traballadores ou estudantes como forma de protesta ou de reivindicación. En galego debemos usar folga. Por que hai quen considere folga inapropiado?
Os defensores do uso do lusismo greve afirman que folga en galego ten un significado patrimonial que bate de fociños coa definición hoxe maioritaria. No propio dicionario da Academia Galega a primeira acepción da palabra folga é “situación do que non realiza ningunha actividade ou do que descansa no traballo”. Este sentido de descanso está presente tamén na segunda acepción: “descanso que se lle dá a unha terra de labor”. Cóntanse por centos as palaabras galegas con varios significados segundo o contexto. U-lo problema?
Quen se opón a usarmos folga como sinónimo de paro laboral ou reivindicativo afirma que folga, con ese sentido, é un calco do castelán huelga. Obviamente, a influencia do castelán sobre os usos do galego é poderosa pero hai que lembrar que huelga, tamén en castelán, define principalmente un período de descanso.
Greve é, en portugués, un galicismo, que triunfou fronte á palabra máis “autóctona” parede, que aínda hoxe aparece nos dicionarios de Portugal co significado de acordo de traballadores para interromper a xornada laboral. Folga, principalmente no portugués do Brasil, aumenta o seu campo semántico e alén de descanso é sinónimo de falta de vergoña.
Como anécdota ao redor do termo huelga, lembro cando un locutor da Radio Galega, nun afán deturpador da toponimia castelá lle chamou ao mosteiro de Las Huelgas, en Burgos, As Folgas. En realidade, ese huelga castelán nada ten a ver co outro. Procede do prerrománico olga, palabra que en galego aparece en varios dicionarios (no Estraviz e o Eladio, principalmente) co significado de leira ou porción de terra boa para sementar. Así que se sodes dos de cambiar os topónimos españois, cando vexades Huelga utilizade mellor Olga.