Dúbidas do galego

Arquivo para a etiqueta “impagable”

Impago

O neoloxismo impago cóase acotío no galego escrito e falado por influencia da linguaxe dominante nos medios de comunicación. Coa crise aumentou o número de demoras no pagamento e estendeuse de vez tanto o substantivo impago coma o adxectivo impagada-o. A palabra é relativamente nova no castelán. Admitiuna a RAE no 2001.

En galego debemos substituír impago por algunha locución: falta de pagamento ou non pagamento, principalmente. O adxectivo podémolo mudar por non pago ou pola locución sen pagar.

Hai unha forma propia para a forma verbal de non pagar: deixar a deber, que pode ser útil para construír traducións de frases que conteñan impago e impagado. “Las empresas que más aumentaron las facturas impagadas son las que tienen menos de cincuenta empleados”. “As empresas que máis aumentaron as facturas que deixaron a deber son as que teñen menos de cincuenta empregados”.

Si que existe no noso idioma o adxectivo impagable/impagábel. Ten dous significados: aquilo que non se pode pagar ou ben a calidade de algo que ten un valor sentimental ou histórico que non se pode traducir nunha cifra. “O que se perde no monte con cada incendio é impagable”.

Navegación de artigos