Incautar
Seguro que escoitastes este verbo un cento de veces. Ás veces na súa forma reflexiva: A policía incautouse de dúas toneladas de cocaína.
De ningún xeito existe en galego. É un castelanismo exitoso mercé á especialización da palabra no vocabulario xornalístico e policial.
Para substituílo, temos moitos verbos propios cun significado similar: aprehender, apoderarse, requisar, confiscar, alixar, embargar ou comisar. Só é cuestión de ir colocando a forma máis precisa en cada contexto: A policía requisou dúas toneladas de cocaína.
Loxicamente, tampouco existe incautación nin incautamento. Substantivos propios para evitar o castelanismo son alixo, aprehensión e aprehendemento, comiso ou comisamento, requisamento, confiscación e embargamento ou embargo.