Dúbidas do galego

Arquivo para a etiqueta “influencia”

Influenza

Cando no 2002 se aprobou a nova normativa do galego, que segue rexendo, incorporáronse algúns cambios en determinadas terminacións. Especialmente confusos foron os que pasaron de ser -ncia e -cia a -nza e -za. Por exemplo, perseverancia pasou a ser perseveranza e gracia e desgracia a graza e desgraza. Entendeuse, con este cambio, que o galego culto estándar recuperaba formas propias desde o Medievo que cumpría restituír. É dicir, a modificación acometeuse palabra por palabra para realmente diferenciar aquelas que sufriran esa erosión (do -cia ao -za) das que, polas súas concretas circunstancias, levan menos tempo no noso idioma ou non se adecuaban ás  premisas para o cambio.

Eis o caso de constancia, non constanza (si existe Constanza como nome propio, utilizado na Idade Media, de orixe italiana), relevancia (non relevanza) ou falacia (e non falaza). Non existen regras que ditaminen cales teñen unha ou outra terminación. É máis doado memorizar a listaxe de palabras que cambiaron a pronuncia.

Hai algún caso onde conviven ambas as terminacións, que marcan diferente significado. Velaquí o caso de influencia e influenza. Por contaxio do cambio normativo de hai case 15 anos, moitas persoas galegofalantes empregan, case sempre na escrita, a forma influenza, por considerala máis galega ca influencia. Seguramente non saben que é en realidade a influenza.

A palabra influenza é en realidade un italianismo. Etimoloxicamente ten a mesma orixe ca influencia, é dicir: “capacidade para influír”. Cando no século XVI se estendeu unha peste moi específica, caracterizada por altas febres, trastornos respiratorios, dor en todo o corpo e alto índice de contaxio, médicos e doutores da Igrexa daquel tempo consideraron que, ao igual que acharan coa peste negra e outros andazos, aquela doenza proviña da influencia dos astros, concretamente das estrelas, sobre os seres humanos. Esa influenza confundiuse coas outras pestes durante séculos. Os cronistas explicaban que en tal ou cal territorio se espallara unha peste ou unha influenza. Utilizábase unha precaria profilaxe para evitar o contaxio, ao pasar o mal recontábanse os mortos e dobrábanse as ofrendas ao san Roque (patrón contra as pestes a partir do Renacemento, cando lle tirou o “ministerio” a san Sebastián) e andando.

Até que chegou no 1918 unha influenza moi específica. Foi daquela cando se alcuñaron termos como influenza ou gripe española, malia que está demostrado que a orixe da pandemia estivo nos EUA e que foron os soldados mobilizados nese país para a I Guerra Mundial que se libraba nos prados de Bélxica e Francia os que transportaron o mortal virus. A influenza desatada nese tempo foi letal. Non se coñeceu unha taxa de mortaldade tan alta desde a peste do 1348 e as palabras gripe e, sobre todo influenza, quedaron no campo semántico do mal, do terror.

Hoxe, gripe xa non é unha palabra que asuste e para facela maligna de verdade hai que poñerlle algún cualificativo á beira: gripe porcina, gripe aviar, gripe A… Mais poucas veces reparamos nun dato: morre máis xente de gripe ca de ébola no mundo. En Galicia, no 2015, morreron 57 persoas por esta doenza. O virus da influenza é dos máis cambiantes, de aí que non haxa unha vacina definitiva para combatelo. Así que cando digamos que “Galicia está baixo a influenza do outono” pensemos ben no que queremos dicir.

Navegación de artigos