Xauría
Xauría é un castrapismo, unha adecuación gráfica á fonética galega dunha palabra castelá, jauría. Aínda que apenas se utiliza porque incluso para os españois é unha palabra relativamente culta, nalgúns contextos aparece de cando en vez mercé ás súas connotacións, moi gorentosas para a prensa.
Unha jauría é, en castelán, un grupo de cans, ben asilvestrados ben adestrados por unha persoa para utilizalos na caza. Ese uso cinexético ampliouse durante a conquista de América, cando os invasores españois utilizaron grupos de cans para atacar, amedoñar e matar indíxenas.
Por extensión, a jauría define tamén, en castelán, un grupo de persoas que perseguen con asañamento outra persoa ou algún colectivo, por razóns diversas.
A etimoloxía de jauría é incerta. Algunhas teorías vinculan a palabra a unha pura onomatopeia do ladro canino: ghau, ghau.
E como traducimos estes significados ao galego? O Dicionario Xerais propón como sinónimo perfecto a palabra manda. Unha manda, con este significado, define un conxunto de animais da mesma especie, nalgúns casos unidos por algunha caste de xerarquía. Velaquí o significado óptimo para definir un grupo de cans, sexan silvestres sexan adestrados xa que en calquera caso estes animais se rexen por criterios xerárquicos. O dicionario Estraviz prefire matilla, tamén presente no portugués, que define especificamente un conxunto de cans de caza.
O galego non ten un substantivo específico para definir un grupo que persegue implacable a outro. Deberemos usar formas indirectas, en moitos casos cunha proximidade semántica case perfecta. “Como una jauría salieron a la prensa a denunciar inverosímiles casos de corrupción en los partidos de izquierda”. “Coma lobos saíron á prensa denunciaren inverosímiles casos de corrupción nos partidos de esquerda”.
A famosa película de Arthur Penn The Chase (literalmente, a persecución ou a caza) traduciuse ao castelán como La jauría humana; na TVG optaron por traducir o título castelán como A manda humana. Só ao considerarmos os humanos unha manda xa lle atribuímos unha connotación claramente irracional e, polo tanto, agresiva.