Dúbidas do galego

Arquivo para a etiqueta “largura de banda”

A RAG incorpora vocabulario informático

O Dicionario da Real Academia Galega (DRAG) nunca se caracterizou pola súa capacidade de adaptación aos novos usos lingüísticos. Teño falado en varias ocasións da necesidade de rapidez para impedir que os neoloxismos nos cheguen por vía castelá, sen adaptar, sen posibilidade de reconducilos a través do noso léxico tradicional, moito máis versátil do que ás veces se cre.

Esta tendencia do DRAG pode ser que estea a cambiar, segundo vemos nas últimas actualizacións publicadas na súa versión dixital. Nos últimos tempos incorporáronse ao galego estándar termos da informática que levaban xa décadas no vocabulario da rúa: navegador, tarxeta gráfica, ofimática, descarga de memoria, caché, cable de conexión, ADSL, acceso remoto…

Noutros casos, adaptouse o galego parte do vocabulario das novas tecnoloxías para evitar xustamente que sexa o castelán quen monopolice eses usos: largura de banda mellor que ancho de banda; fila de impresión mellor ca cola de impresión…

Tamén a RAG optou por lexitimar formas novísimas da linguaxe das redes sociais, caso do verbo rechouchiar coa definición de compartir un chío alleo en Twitter. De feito, o verbo rechouchiar non existía até agora no galego estándar, só dispuñamos de rechouchío: chío continuado dos paxaros.

Cando se traduciu o Twitter ao galego houbera certa polémica entre os defensores das formas polas que optaran no Brasil: tuitar, retuitar (na liña de telefonar, por exemplo) ou a forma chiar, rechouchiar ou rechiar. A RAG sanciona coa súa aprobación a segunda liña. Neste caso, é evidente que entre os galegofalantes que usan esa rede social triunfou máis a liña de chío/rechouchío.

Tamén ultimamente a RAG aclarou a súa postura sobre a dúbida de Internet/internet. No ‘Dúbidas…’ xa falamos do tema, a propósito de certas eivas do DRAG, xustamente. Agora, a autoridade lingüística recomenda que se use con maiúscula inicial e sen artigo: “A xente xa só le a prensa en Internet”. Sigo a pensar o mesmo que cando escribín aquel artigo: seguirei a desoír a recomendación académica e articulala en feminino en con minúsculas.

Por certo, a pesar das moitas incorporacións das últimas datas, a RAG esqueceuse de ampliar o significado de arroba. Visto o cambio, seguro que de aquí a pouco o amañan.

Navegación de artigos