Dúbidas do galego

Arquivo para a etiqueta “lentes”

Gafas

A palabra gafa ou gafas para designar os anteollos que se suxeitan dalgunha maneira ás orellas ou por detrás da cabeza é un castelanismo. En galego debemos empregar anteollos ou lentes (en feminino), xa que o noso idioma considera que a parte importante desta ferramenta para mellorar a visión son os cristais e non a montura. Nas frases feitas, caso de gafapasta ou gafas de sol, considero que se debería seguir un criterio distinto. A pesar do estendido das gafas de sol é conveniente traducilo ao galego “as lentes de sol”. O neoloxismo gafapasta, adxectivo que se emprega para definir unha persoa que combina amplos coñecementos de cultura xeral con devoción pola cultura de masas, é moi recente e debería utilizarse en cursiva como calquera estranxeirismo en fase de embrión. Veremos se tal termo sobrevive uns anos.

Mais gafa si existe en galego con outros significados. Alén de definir un gancho e unha peza da bésta cunha forma semellante á forma da montura das lentes, a gafa é tamén un dos nomes da lepra, que por extensión pasou a nomear outras doenzas (case sempre con danos na pel) que sofren persoas ou animais, coma a sarna.

Dese significado nace o adxectivo gafa/o para falar dos doentes de lepra ou dos animais que padecen sarna ou morriña (unha enfermidade que se dá sobre todo no gando ovino en forma de vexigas na pel).

O verbo gafar procede deste significado. Nun principio significaba contaxiar de gafa ou gafeira mais co tempo define dar mala sorte ou contaminar. Tamén ensuciar, desexar o mal para algo ou alguén, cegar o fío dun instrumento afiado, sentar mal unha comida ou cheirar mal, entre outros.

Gafo é unha palabra moi estendida na nosa toponimia. Na Idade Media, os leprosos tiñan lugares propios, nin moi perto das vilas e cidades para non contaxiaren nin moi lonxe para poder vixialos ben. Topónimos relativos á lepra, amais de Gafos son Malata ou San Lázaro.

Navegación de artigos