Dúbidas do galego

Arquivo para a etiqueta “ligero de cascos”

Lixeiro de cascos

Cando falamos de alguén que é pouco serio no trato sexual ou sentimental, que non garda fidelidade ou que gusta de cambiar de parella sexual, acotío utilizamos a locución “lixeiro/a de cascos”. Esta forma, cada vez máis habitual, á parte de antiga e un pouco resesa, é propia do castelán, completamente allea ao galego.

Esta locución é o antecedente do adxectivo casquivano, tamén un castelanismo evitable, que en feminino ten un significado propio, segundo a RAE: muller que non ten formalidade no seu trato co sexo masculino. Vaia definición! Que quere dicir? Que chega ás tardes ás reunións onde hai homes ou que? A definición, sen tabús, debería ser: muller que ten relacións sexuais con quen lle peta, sen dar explicacións. Este comportamento está moi penado socialmente (incluso neste tempo de suposta liberación sexual feminina) e creou un vocabulario propio que simplemente axuda a perpetuar o preconcepto.

Por ese motivo, ambas expresións, en galego debemos substituílas por formas neutras, que non teñan ningunha connotación de menosprezo. A normativa recomenda palabras tales como tarabelo/a ou toleirán/ana mais considero que incide nese preconcepto. Cando falamos dunha persoa que ten unha vida sexual activa e plural, temos que inferir que “non ten siso ou que non é formal?”

Do meu punto de vista, o galego ten unha expresión descritiva que ben podería empregarse para superar clixés do pasado: quente da virilla. É un modismo moi vivo na fala coloquial e que tanto se lles pode aplicar aos homes coma ás mulleres. Ten loxicamente un ton próximo á retranca mais sempre é preferible relacionar a gana sexual co lúdico que co inestable mentalmente, como teiman as autoridades lingüísticas españolas mais tamén galegas.

Navegación de artigos