Dúbidas do galego

Arquivo para a etiqueta “limia”

Manzaneda

Desde adolescente, o topónimo Manzaneda, que nomea un dos Concellos máis interesantes de Galicia, famoso por acoller a única estación invernal de Galicia, me pareceu estraño. En aparencia era demasiado castelán. Que é unha manzaneda? A palabra non existe en castelán, que prefire como sufixo de abundancia vexetal outras formas, caso de -ar: manzanar, castañar… e -al: cerezal, robledal. Aínda así, existen casos nos que empregan os sufixos -edo, -eda, que si triunfaron no latín falado no oeste atlántico. O castelán admite cerecedo, robledo, castañedo… aínda que nalgúns casos aluda a que son dialectalismos asturianos ou leoneses (curiosamente os espazos máis próximos ao contacto coa lingua galega).

Volvendo a Manzaneda, máis que diante dunha forma castelá estamos ante unha forma castelanizada, ante unha deturpación de libro que tenta extirpar a galeguidade do topónimo mais, como de costume, só logra deformala: Carballino, La Estrada ou Puenteareas son outros casos parecidos.

Grazas aos estudos de Gonzalo Navaza, un dos máis grandes expertos en Onomástica de Galicia (é o Leo Messi da materia, para entendérmonos), sabemos xusto cando aparece Manzaneda. Foi a partir do século XVIII que se grafa así. E antes como se chamaba? Seguindo a Navaza, o nome tradicional non é ningún misterio. En todo o reino o lugar era coñecido –con toda a lóxica– como Maceda. Hai que lembrar que a vila conserva o seu pasado medieval, no deseño das ruelas e nos restos da muralla. É dicir, a Maceda da que falamos tiña moitos séculos cando o seu nome foi substituído por Manzaneda.

En Galicia hai outra Maceda cuxa sorte toponímica foi mellor. Seguramente non houbo ningún escribán ou alcalde ou abade ou arcediago tan espabilado coma o que detectou en Manzaneda a relación do topónimo coas mazás.

A relación entre as Macedas era, non obstante, coñecida de vello, tanto que na documentación unha aparecía como Maceda de Trives (a actual Manzaneda) e a outra como Maceda da Limia. Hoxe desorientámonos con ese apelido pois a Limia está veciña pero algo distante da vila (pertence hoxe á comarca de Allariz-Maceda) mais a Limia histórica era moito maior que a actual, atinxía ambas beiras do río, en territorio portugués e galego e tiña a súa capital en Allariz.

Entón, por que Manzaneda non se considera un topónimo deturpado e se oficializou a forma galega xenuína Maceda de Trives? O tempo ten máis forza que a filoloxía. Tres séculos de Manzaneda sepultaron o vello Maceda. As autoridades lingüísticas consideraron que era unha resurrección tan forzada que incluso podería ser contraproducente entre a veciñanza. É unha liña que se seguiu especialmente en canto á ortografía de diferentes topónimos, contraria á súa etimoloxía: Barcia, Alvedro, Cobas ou A Grova deberían grafarse Varcia, Albedro, Covas ou A Groba.

Con todo, estaría ben que en Manzaneda soubesen cal é a orixe do nome do lugar no que viven e que igual que foi a decisión duns poucos a que enterrou o vello Maceda ben pode no futuro alborexar de novo este bonito topónimo. Por certo, o que hoxe chaman Cabeza de Manzaneda (a montaña na que se situou a estación invernal, até hai moi pouco (anos, non séculos) era coñecida como A Cabeza Grande.

 

Navegación de artigos