En olor de multitudes
As reviravoltas que dá a lingua teñen ás veces altos niveis de enxeño e incluso pulso literario. Que pensaría de vivir o que inventou a expresión en loor de multitudes se soubese que a percepción popular converteu unha expresión para maior gloria dos papas e bispos nunha expresión con tanta retranca.
É que aínda que moitas veces se escoita iso de que alguén foi recibido en olor de multitudes, a expresión correcta é “en loor de multitudes”, é dicir, entre os eloxios e gabanzas de moitas persoas. Non fai falta explicar o que significa o olor das multitudes, sobre todo baixo o sol nun día de verán.
Destes trocos ou adaptacións hai varios que me gustan. O que máis graza me fai é o que moita xente en castelán lle aplica á palabra retortijón (retorzo en galego): retorcijón. Ten a súa lóxica. Acaso un retorzo non parece así como se as propias tripas se revolvesen e espremesen coma quen enxoita un trapo?
Que outras variacións graciosas coñecedes?