Dúbidas do galego

Arquivo para a etiqueta “mamadeira”

Cuna, pañais, sonaxeiro

Non son moi orixinal ao recordar que a liña máis feble do galego actual é a da súa transmisión familiar. Vouvos dar o exemplo da miña familia. Os meus avós da Maraña tiveron seis fillas e un fillo, loxicamente todos eles galegofalantes. De todos os curmáns, catorce en total, só tres falamos o tempo todo en galego; outros tres vano alternando e os oito restantes son castelanfalantes. Todos os meus curmáns segundos (teño cinco que xa falan) son monolingües.

Como símbolo desa perda, un dos campos léxicos máis danados da nosa lingua é o da infancia. Neste artigo explicamos como chamarlles a moitos obxectos relacionados cos bebés en galego.

A miña nai chámalle cunas ás que se compran e berces aos que se facían antigamente nas casas. Seguindo o clásico esquema de diferenciar as cousas modernas (en castelán) das vellas (en galego), moitas persoas perden o vínculo entre a palabra tradicional e o obxecto que mercan na tenda.

Amais de berce e berzo, en galego podemos usar rolo e barrelo cando no deseño da camiña do bebé se favorece que abanee con facilidade. De aí o verbo arrolar, que significa abanear o berce suavemente para facilitar que adormeza.

Por certo, en galego facer durmir exprésase a través do verbo adormentar ou adurmiñar: “Adormentei a nena; xa podemos cear”.

Pañal é un castelanismo, tan estendido que incluso hai quen o usa co plural propiamente galego (pañais) e practicamente desaparecido na fala popular. En galego debemos dicir cueiro. Ás veces úsase a palabra en plural porque antigamente os pequechos levaban máis dun cueiro. Agora, cando o 90% dos que se usan son dun só uso, é máis conveniente usar a forma en singular. “Ese cueiro garda un segredo ben fedorento”.

Outra palabra do vocabulario dos bebés pertencente á lingua española pero moi xeneralizada entre os galegofalantes é sonajero. De feito, a idea de facer este texto veume cando o outro día escoitei dicir sonaxeiro, durante unha conversa na que un pai primeirizo quería requintar o seu galego. En realidade, no noso idioma ese instrumento que fai barullo e distrae as crianzas debemos chamalo axóuxere ou ruxerruxe.

O cochecito en galego recibe o nome de carro ou carriño de bebé. A silla, loxicamente, debemos chamala cadeira.

Nalgúns outros casos, a palabra habitual en galego aínda que admitida substituíu a forma tradicional, que resiste en ámbitos reducidos. Eis o caso de biberón, galicismo admitido en galego pero de moi recente uso. Tanto a miña familia de Arbo coma a miña familia da Limia usan aínda mamadeira. “Esa botella váleme para facerlle unha mamadeira para os años”. “Ese reprís que ten teu fillo pasáchesllo ti pola mamadeira”. É unha palabra en perigo de extinción, así que se vos presta, usádea.

O dicionario da RAG admite chupete aínda que logo aplícalle á palabra chupeta algúns significados que obviamente derivaron do acto de chuchar esa bocadiña de goma. Dicionarios como o Estraviz recoñecen a palabra chupeta e non chupete. Eu penso igual. Sempre escoitei chupeta entre os galegofalantes e xa nos dicionarios históricos aparece chupeta como sinónimo de hábito de fumar, nunha clara ampliación do vicio de chuchar que teñen as crianzas.

Amamantar é un castelanismo. As formas galegas son amamentar e aleitar. “Non aleitei ningún dos fillos”. Tamén se pode usar a perífrase dar de mamar.

Seguro que coñecedes moito máis vocabulario do mundo dos bebeciños ou naipelos, que é outro nome que se lles pode dar aos meniños de peito ou lactantes. Xa sabedes que este blog sempre se enriquece coas vosas contribucións.

Navegación de artigos