Dúbidas do galego

Arquivo para a etiqueta “medicina”

Tifo, gastroenterite, tose ferina, xarampón e demais pragas

Estes días estivo este portelo pechado por enfermidade. O xoves entrou na casa un virus deses que se asentan comodamente no sistema dixestivo e aínda ando coa dieta branda para escorrentar a gastroenterite.

Así que, como vinganza, aproveito para falar de enfermidades. A medicina é unha das áreas léxicas menos galeguizadas porque neste país cando maior é o prestixio dunha disciplina, máis castelanizada. Non é cousa de agora. Xa nos debuxos de Castelao o médico falaba castelán e non entendía de que doenzas lle falaba a coitada da enferma.

En galego debemos dicir gastroenterite e non gastrointeritis, forma que o castelán toma do grego pero que na nosa lingua, seguindo un modelo tamén presente no portugués, adapta á forma -te, ao igual que outras enfermidades (hepatite, non hepatitis; diabete, non diabetes).

As formas que en castelán acaban en -osis, fano en -ose en galego (tuberculose, silicose, cirrose…)

Outro castelanismo relacionado co grego é tifus. A forma correcta en galego é o tifo, igual que en portugués (en castelán tamén se permite esta forma).

Caso semellante é o da tosferina. Esta doenza ben grave debe galeguizarse como tose ferina.

Noutros casos, a diferenza co castelán é mínima, coma no caso de rubéola (única forma correcta en galego), que por efecto da pronuncia grave se permite pronunciar rubeola no dicionario da Real Academia de la Lengua.

Enfermidade moi común entre as nenas, a rubéola ten semellanzas co xarampón ou sarampelo, formas admitidas para o mal que en castelán se coñece como sarampión. Esta doenza ten un feixe de variantes ben bonitas e dignas de sobrevivir: sarampín, xarampo, xarampelo…

Navegación de artigos