Dúbidas do galego

Arquivo para a etiqueta “mexer”

Mecer e columpio

Mecer é a forma castelá á que evoluíu o verbo latino miscere (mesturar). En galego debemos dicir mexer, co significado de sacudir, abanear ou axitar. Estoutros tres verbos son, polo tanto, sinónimos pero non perfectos. O vento mexe a herba, sacódea ou axítaa. Mais a nai abanea o berce. O verbo abanear ou abalar significa mover algo acompasadamente. Neste caso tamén podemos usar o verbo randear. “Nos seus últimos anos, Manuel Fraga randeaba á esquerda e dereita”.

Coa forma randear constrúese a palabra randeeira, que en galego define dous obxectos. Por unha banda, o enxeño que consiste nunha superficie máis ou menos plana na que sentar suxeita a outra estrutura máis alta e firme (unha barra metálica, unha ponla…) por medio de cordas ou cadeas. A palabra columpio é un castelanismo. Tamén columpiarse, en todos os sentidos. Cando se di que alguén fixo unha afirmación sen ter todos os datos, en castelán coloquial úsase columpiar. En galego debemos substituílo por botar por fóra ou aplicarlle algunha expresión feita propia. “No te columpies”. “Tira o cabaliño da chuvia”.

Para a acción de moverse sobre a randeeira podemos usar amais de randear, bambear, arrolicar ou carriolar. Estes verbos son todos pronominais. “Randeouse durante unha hora no parque”. “O que máis lle gustaba era carriolarse nas randeeiras dos cabaliños que puñan durante as festas”.

A outra randeeira define un tipo de cadeira, normalmente con brazos e respaldo, que se asenta sobre unha superficie curva e que abanea coa forza motriz do propio corpo. É incorrecto utilizar mecedora ou mexedoira/mexedor para definir este moble. Tamén se lle pode chamar arrandeadoiro.

Un mexedor é o instrumento de cociña, en forma de espiral, que se usa especialmente para mesturar masas líquidas. Por extensión, pode definir calquera robot destinado case unicamente a facer masas, ao estilo da Kitchen Aid.

A forma remexer úsase para indicar a acción de darlle voltas a algunha cousa (nunha pota, por exemplo), alterar o estado dun conxunto coas mans (un caixón, por exemplo) ou como sinónimo de moverse con comodidade: “Esta cama é tan pequena que non me remexo”.

Navegación de artigos