Dúbidas do galego

Arquivo para a etiqueta “morgadío”

Morgadío

Este verán comprobei con desagrado que moitas palabras galegas de uso habitual en Cequeliños, A Maraña, Xinzo, Vigo, Ourense, Santiago, Castelaus ou Lobás (o mapa do territorio xeográfico que agora ou no pasado tripei) non aparecen no dicionario da Academia. É dicir, son termos desterrados da lingua estándar, colocados en risco de extinción xunto con outros milleiros por unha decisión de economizar espazo.

Que o léxico de determinadas zonas se perda porque a Academia considera estas palabras dialectalismos paréceme un luxo que non nos podemos permitir. Non hai escusas nun momento no que os dicionarios escaparon dos límites do papel e no formato electrónico poden agrandarse e agrandarse sen ningún problema loxístico.

As palabras merecen gravarse na inmortalidade dos dicionarios para non desapareceren. É un patrimonio noso, un mosaico de formas que foron útiles, que serviron para comunicar, para contar, para definir. Quen pode decidir que non son estándares? Por que si o son outras que eran tamén locais ou incluso pouco apreciadas até que a literatura ou o xornalismo lles deu unha coiraza?

Como este lugar non é para queixarse senón para propor solucións prácticas en caso de dúbida, de cando en vez irei colocando palabras que usa a miña xente próxima e que non veñen nos dicionarios. Outras veces rescatarei termos que están na toponimia, que están no portugués e noutros dicionarios que van máis alá da lingua estándar. Eis o que fago hoxe con morgadío.

En Albeos, concello de Crecente, a dous pasos de Cequeliños, hai unha adega de viño da DO Rías Baixas que se chama O Morgadío. O nome tomouno dunha leira con viñas de igual nome. Segundo o Dicionario Estraviz, un morgadío é o conxunto de bens que recibe o morgado, é dicir, o herdeiro único dos bens dunha familia.

O sistema de morgadío implantouse a finais da Idade Media para garantir que o patrimonio en terras dos fidalgos non se perdese na repartición entre os herdeiros. Na zona de Crecente hai moitas casas fidalgas que de seguro tiveron morgados. Este terreo que agora lle dá nome a unha adega seguramente era a parte máis prezada do patrimonio territorial dunha destas familias.

Navegación de artigos